ADEGA

Inicio / Axenda / Educación ambiental / Xornada de voluntariado ambiental para...

06-06-2015

Xornada de voluntariado ambiental para eliminación de invasoras nas lagoas de Xuño e Muro

ADEGA convoca unha actividade de voluntariado ambiental, que se celebrará o sábado 6 de xuño. A xornada realizarase nun lugar de importante valor ecolóxico como son as Lagoas de Xuño e Muro (Porto do Son) que forman parte do LIC Complexo Húmido de Corrubedo. ADEGA asinou en 2012 un acordo de custodia do territorio (custodia litoral) co concello de Porto do Son para a realización desta e outras actividades no concello que axudarán a conservación e posta en valor dos seus espazos naturais costeiros.

A introdución de especies exóticas invasoras é, despois da destrución de hábitats, a ameaza máis importante na perda de biodiversidade e unha das principais causas de extinción de especies autóctonas. ADEGA leva anos traballando nesta temática, é por iso que unha vez máis organiza esta xornada dando á cidadanía a oportunidade de actuar con iniciativas coma esta de custodia litoral. Ademáis esta acción da continuidade aos traballos de eliminación de invasoras realizados en 2009, 2010, 2011, 2012 e 2013 no mesmo lugar, un traballo continuo para frear esta ameaza á biodiversidade.

A actuación enmárcase no proxecto “Rede de voluntariado ambiental para a eliminación de especies invasoras en ecosistemas acuáticos”, que conta co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Fundación Biodiversidad. Céntrase na eliminación de especies invasoras como a cana (Arundo donax) ou a herba da Pampa (Cortaderia selloana) entre outras.  

Para esta actividade o voluntariado contará con seguro de responsabilidade civil e de accidentes. A xornada comezará o sábado pola mañá. Tras a recepción do voluntariado e dunha pequena introducción a problemática ambiental das invasoras, comezarán os traballos de campo, para os que o voluntariado contará coa ferramenta apropiada. Haberá un descanso para a comida (gratuíta para os participantes) e unha segunda sesión de traballo durante a tarde. O voluntariado poderá coñecer este magnífico espazo natural e axudar á súa conservación.  

As prazas son limitadas polo que é preciso inscribirse enviando a ficha de inscrición (abaixo en descargas)

correo: lucia@adega.gal / tlfs: 981 570099 / 669806908

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal