ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Proxección do documental "Escamas,...

12-05-2015

Proxección do documental "Escamas, sangue" e charla sobre a pesca: conflitos e solucións.

Cartaz do acto

ADEGA promove este ciclo documental por terceiro ano consecutivo dentro da campaña "Ponte no medio. Móvete polo Territorio". Trátase dun cine-fórum no que se expoñen traballos audiovisuais galegos que dificilmente poden ser vistos nas canles habituais e que teñen que ver co noso patrimonio natural ou cultural.

As diferentes sesións do ciclo permitirán a cidadanía intercambiar reflexións e experiencias cos autores dos diferentes traballos documentais e expertos dos diversos eidos sobre os que versan estas obras, creando deste xeito, un espazo de análise e debate do que extraer conclusións e novas vías de acción, de dinamización do rural e de defensa da nosa cultura e territorio.

Ao longo deste ano, o programa de “A Nosa Terra, a Nosa Cultura” contará con 4 sesións de proxección audiovisual, acompañadas dunha posterior charla e debate cos seus autores e persoas relacionadas co tema ambiental ou cultural tratado.

I Sesión: A Pesca, conflitos e solucións

O vindeiro martes, 12 de maio, ADEGA dará comezo ao Ciclo documental deste ano coa proxección no no Museo Provincial de Lugo, ás 20h, do documental "Escamas, sangue" de Adrián Canoura e Breixo LLano.

Sinopse: Documental que repasa vinte anos despois o que foi a chamada «guerra do bonito» que trouxo á frota do Cantábrico ate o porto de Burela na súa batalla contra as volantas. Nominada como mellor curtametraxe no festival de cine da Arxentina, este documental recolle os feitos e tamén testimonios de algúns dos protagonistas duns momentos trascendentais que tiveron en vilo a todo un pobo. O documental pretende ser, segundo os seus autores, unha "homenaxe a unha xeración de persoas que levantou o orgullo e a honra deste pobo".

Charla-coloquio

En cada unha das sesións, tras as proxeccións, haberá unha charla coloquio entre o público e os autores dos documentais, ademais de persoas convidadas que incitarán á reflexión en cada un dos temas tratados nas pezas audiovisuais. É por iso que tras esta primeira proxección, convidarase ao público a charlar a modo de coloquio con Adrián Canoura, codirector da peza audiovisual,  e Luis Rodríguez, Presidente de ASOAR-ARMEGA (Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia), quen nos virá a explicar cal é a situación pola que está a atravesar a flota pesqueira de baixura de Galicia.

Este Ciclo Documental conta co apoio e patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal