ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro polo Sobreiral do Arnego

19-04-2015

Roteiro polo Sobreiral do Arnego

O domingo 19 de abril, ADEGA realizará un novo roteiro "Cousa de Raíces" polo Sobreiral do Arnego para resaltar os valores deste e doutro tipo de bosques autóctonos.

O programa de roteiros "Cousa de Raíces" trata de poñer en valor as especies e formacións boscosas propias do noso territorio, dentro da campaña que leva o mesmo nome e na que participan máis de 50 colectivos e entidades con ese obxectivo común.

O roteiro será de 12 quilómetros de lonxitude e de dificultade media-baixa.

Percorrido

O punto de inicio do roteiro será a igrexa de Vilariño, aproximadamente a 2 kms da desviación da estrada Agolada-Lalín. No inicio da ruta teremos ocasión de coñecer a tradición relixiosa chamada  “O Clamor”, rogativa coa que antano se pretendía una mellora nas condicións meteorolóxicas. Descendendo pola beira do río Arnego toparémonos con varios muíños e comprobaremos como van aparecendo cada vez máis sobreiras até chegar á “zarra da Pena”, onde se teñen levado a cabo diversas actuacións de “custodia do territorio”. Nesta zona a sobreira xa é a especie vexetal dominante. Despois de xantar na área recreativa “ Ponte Carmoega” a ruta continuará polas inmediacións do castro  homónimo, coñecido tamén como a A Croa. Tras pasar preto do pazo de Barral, o roteiro rematará na taberna de Carmoega. Aproveitando o desprazamento Lugo-Agolada visitaremos o elemento arquitectónico máis singular deste concello: “Os Pendellos”. Trátase dunhas singulares construcións empregadas no pasado como recinto da feira.

O sobreiral

Trátase dun espazo natural de gran valor paisaxístico e ambiental. Presenta unha superficie superior ás mil hectáreas e localízase nas beiras do curso medio-baixo do río Arnego (afluínte do río Ulla), principalmente ao longo do concello de Agolada, aínda que tamén se estende  algo polos concellos limítrofes de Lalín e Vila de Cruces.

Trátase dunha área forestal  que ten como especie dominante a sobreira (Quercus suber) que, sendo  propia dun clima máis suave, logrou pervivir e prosperar no val do río Arnego gracias ás condicións climatolóxicas de cariz mediterráneo que presenta este enclave. Convivindo coas sobreiras medran tamén carballos, castiñeiros e, nas zonas máis próximas ao río, destacan os sanguiños, freixos, ameneiros, bidueiras, etc. No sotobosque hai especies mixtas atlántico-mediterráneas, como o trobisco e unha gran variedade de queiroas.  En canto á fauna son salientables o mexillón de río, lontra,  falcón peregrino, porco bravo, etc. Periodicamente as sobreiras son sometidas ao aproveitamento da súa cortiza. 
                                                                      
A peculiaridade deste paraíso natural fixo que se adoptasen medidas para a súa protección, estando incluído na Rede Natura como ZEC. Tamén é destacable o traballo desenvolvido pola chamada rede de custodia do territorio Ulloa-Arnego.

Os pendellos de Agolada

Pendellos Agolada

Son construcións que datan do século XVII e que foron empregados durante máis de 200 anos para a celebración da feira do “Doce”. Pode considerarse practicamente  o único recinto feiral de orixe medieval que se conserva nun casco urbano de Galicia. Os materiais utilizados para a súa construción foron o granito, a madeira e a tella.  En función do seu uso dividíanse en: pendellos expositores, comedor e de hospedaxe.

Pasaron por un longo período de abandono/destrución pero, afortunadamente, nos últimos anos foron rehabilitados e postos de novo en valor, empregándose frecuentemente como punto de encontro para diversas actividades culturais.

Saída

A reserva de praza debe realizarse antes do venres 17 de abril, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299 ou 679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal, indicando o nome e apelidos do participante e un número de teléfono móbil.

A SAÍDA terá lugar ás 9 horas, diante da Facultade de Formación de Profesorado (antiga Escola de Maxisterio), na Avenida de Ramón Ferreiro.

Para aquelas persoas que queiran participar da actividade e achegarse á ruta en vehículo propio, o punto de encontro será na Área de lecer de Carmoega ás 10.30 horas. Para chegar alí aquí van as indicacións:

1.- Para aqueles que entren pola estrada PO-840 de Melide-Agolada no punto de desviación para o Pazo Eidián (e para a Eira da Xoana) deben coller a estrada EP-6302 dirección a  Baíña, Brántega e Carmoega. Despois de pasar Brántega, Feira Nova e Carmoega, chegarán á ÁREA DE LECER de Carmoega (á beira do río Arnego).

2.- Aqueles que veñan pola estrada N-640, en Lalín, na rotonda do Rodo, deben coller a estrada EP-6009, dirección Brántega, e a uns 9 km,  chegarán á  AREA DE LECER de Carmoega.

Cómpre chamar aos teléfonos indicados previamente para confirmar a súa participación, aínda que non se faga uso do autobús.

Se alguén se perde polo camiño, poden chamar tamén ao 638475322 (Marcial).

Prezos

O custe será de 10 euros para socios/as de ADEGA, 15 euros para non socios/as, 12 euros para xubilados, estudantes ou desempregados/as, e 5 euros para menores de 17 anos.

Aquelas persoas que non fagan uso do bus, non terán que asumir custo algún.

As persoas interesadas en participar deberán levar para o camiño comida e calzado e roupa axeitados.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal