ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro polos acebais e reboleiras de Piornedo...

15-03-2015

Roteiro polos acebais e reboleiras de Piornedo (Ancares)

Acivro

O domingo 15 de marzo, ADEGA realizará un novo roteiro "Cousa de Raíces" pola Serra dos Ancares para exaltar dous tipos de bosque reliquia da nosa paisaxe: os acebais ou aciveirais e as reboleiras. O programa de roteiros "Cousa de Raíces" trata de poñer en valor as especies e formacións boscosas propias do noso territorio, dentro da campaña que leva o mesmo nome e na que participan máis de 50 colectivos e entidades con ese obxectivo común.

O roteiro será de 12 quilómetros de lonxitude e de dificultade media.

O percorrido do roteiro

Este roteiro daranos a oportunidade de pasar unhas horas nunha área na que aínda se conserva nun estado óptimo unha representación do bosque autóctono galego. Trátase das reboleiras dos Ancares, nas que os acebos ou acivros son unha especie destacable. As reboleiras foron ao longo do tempo o sustento para a poboación do lugar, ata o desmembramento da sociedade rural acontecida  en Galicia a finais do século pasado.  O uso sustentable ao que se someteu este bosque ao longo do tempo fixo posible que na actualidade aínda poidamos gozar da súa fermosura e biodiversidade, circunstancia que debemos agradecer aos usuarios do pasado.

O punto de partida do roteiro será o emblemático  núcleo do Piornedo. A través do Camín das Pasadas chegaremos ao Val da Freita, desde onde se ascende ata Os Acebais. Desde a Vadagüela continuaremos polo Camín da Braña ata Campo Redondo, Pena Chusmela e, se o tempo o permite, ata a Mallada de Piornedo. Neste lugar elevado, onde a paisaxe cambia a monte baixo, carpazas e praderías de alta montaña, espéranos, da man das guías locais, unha intrigante sorpresa.

De regreso, pasaremos polos Requeixos, Chao Grande e Campo, atravesando de novo unha zona de reboleira. No núcleo de Piornedo poderemos ver o seu elemento etnográfico máis singular: as pallozas.

Reserva a túa praza!

SENTÍMOLO, AS PRAZAS XA ESTÁN ESGOTADAS!...

A reserva de praza debe realizarse antes do venres 13 de marzo, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299 ou 679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal, indicando o nome e apelidos do participante e un número de teléfono móbil.

A SAÍDA terá lugar ás 9 horas, diante da Facultade de Formación de Profesorado (antiga Escola de Maxisterio), na Avenida de Ramón Ferreiro.

O custe será de 10 euros para socios/as de ADEGA, 15 euros para non socios/as, 12 euros para xubilados, estudantes ou desempregados/as, e 5 euros para menores de 17 anos.

As persoas interesadas en participar deberán levar para o camiño comida e calzado e roupa axeitados.

*Nota: no programa orixinal de roteiros de ADEGA-Lugo 2015, esta ruta estaba prevista para o 22 de marzo, pero a data tivo que ser mudada. Desculpade as molestias.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal