ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro polas Fragas de Catasós...

25-01-2015

Roteiro polas Fragas de Catasós (Lalín)

Fraga de Catasós

ADEGA dedicará o seu primeiro roteiro do programa "Cousa de Raíces" a coñecer e defender as Fragas de Catasós (Casas Vellas, Quiroga e Belelle), de Lalín, o vindeiro domingo, 25 de xaneiro.

O programa de roteiros 2015, titulado "Cousa de Raíces", que ADEGA-Lugo impulsa este ano, pretende achegar as persoas participantes a algúns dos bosques máis emblemáticos do País, pero sobre todo, a lugares que representen a enorme variedade de floresta autóctona coa que contamos, pese a que nas últimas décadas está fortemente ameazada e en regresión.

Nesta ocasión, a plataforma Salvemos Catasós guiaranos por algúns dos bosques máis singulares do Deza, un deles ameazado por unha liña eléctrica de GN-Fenosa. Trátase da Fraga de Casas Vellas, na que se atopan exemplares de castiñeiros dos máis altos do mundo e que é continuidade da Fraga de Quiroga ou de Catasós", Monumento Natural. 

O trazado dunha liña de alta tensión por esta paraxe suporía cando menos a talla polo pé de 200 árbores, na súa maioría castiñeiros que están coidados para a produción de castañas e, por tanto, ben xestionados polos veciños e veciñas que propoñen o soterramendo da liña baixo a estrada N-525. Polo de agora a instalación da liña atópase en fase de moratoria, a expensas de que Fenosa e veciños cheguen a algún acordo. Aínda así, en calquera momento a compañía eléctrica podería proceder as obras.

Tamén se sumarán a este roteiro de ADEGA membros da organización ecoloxista Verdegaia e da Asociación Cultural de Compostela a Gentalha do Pichel. Estes colectivos organizarán unha saída en autobús desde Santiago de Compostela.

O percorrido do roteiro

Trazado alternativo da LAT proposto por Salvemos Catasós, baixo a N-525

Unha das principais riquezas naturais de Lalín son as súas carballeiras.  De todas elas merecen especial mención a carballeira de Barcia e a Fraga de Catasós. Por esta última transcorre a ruta que programamos para esta ocasión. Pero tamén visitaremos outras como a fraga de Casas Vellas (ameazada pola Liña eléctrica) ou a de Belelle.

Castiñeiros, carballos, bidueiros, sabugueiros e sobreiras conviven nesta espectacular fraga de Catasós. Desde principios deste século está catalogada como Monumento Natural e forma parte do Catálogo de árbores senlleiras de Galicia en atención aos colosais castiñeiros que forman o núcleo da fraga, tamén coñecida como carballeira de Quiroga. O apelido Quiroga alude aos seus antigos propietarios, moradores dunha casona pacega próxima á fraga. Os castiñeiros acadan nesta fraga un porte espectacular con fustes superiores aos 30 metros e perímetros de 5 metros.
O fitopatólogo estadounidense Flippo Gravat catalogounos a mediados do século XX como os máis altos de Europa e puxo de relevo as características edafolóxicas deste bosque así como a súa biodiversidade.

No percorrido, partiremos arredor das 11 horas  do campo da festa novo de Catasós para seguir despois polo campo da festa vello e achegarnos aos terrapléns e foxo da muralla catrexa de Catasós. Desde aquí camiñaremos pola zona afectada pola Liña de Alta Tensión que pretende instalar Unión-Fenosa. Pasaremos pola Fraga de Casas Vellas e seguiremos por camiños de vello e Barreiros ata superar a estrada N-525.

Pasada esta, estaremos na Fraga de Catasós. Visitaremos o exterior da Casa Grande Quintela, propiedade da familia Quiroga. Nesta casona pasou longas tempadas Emilia Pardo Bazán e aquí escribiu capítulos das súas novelas. O seu marido nacera nesta casa pacega.

Ascenderemos pola corredoira da fraga, á beira do muíño e do Rego de Quintela e chegaremos ata as fragas de Belelle. No retorno adentrarémonos nun femoso bidueiral, como antesá do cerne da Fraga de Catasós, onde alongaremos a visita para deleitarnos na marabilla dos castiñeiros xigantes.

O retorno farase  desde aquí ao campo da festa novo e con iso completarase un percorrido de 12 Kms e dificultade media-baixa.

Saída desde Lugo (reserva de praza)

A reserva de praza debe realizarse antes do venres 23 de xaneiro, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299 ou 679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal, indicando o nome e apelidos do participante e un número de teléfono móbil.

A SAÍDA terá lugar ás 9 horas, diante da Facultade de Formación de Profesorado (antiga Escola de Maxisterio), na Avenida de Ramón Ferreiro.

O custe será de 10 euros para socios/as de ADEGA, 15 euros para non socios/as, 12 euros para xubilados, estudantes ou desempregados/as, e 5 euros para menores de 17 anos.

As persoas interesadas en participar deberán levar para o camiño comida e calzado e roupa axeitados.

Saída desde Santiago de Compostela (reserva de praza)

A Comissom de Meio Natural da Gentalha do Pichel e Verdegaia, que se  suman ao roteiro organizado por ADEGA-Lugo e a plataforma Salvemos Catasós, organizará a saída cara as fragas de Castasos desde Santiago de Compostela.

A SAÍDA desde Compostela será ás 10h do domingo 25, desde a dársena do colexio La Salle, (ao pasar o CGAC). A volta está prevista para media tarde.

Aquelas persoas que queiran acudir ao roteiro no autobús alugado pola Gentalha e Verdegaia deberán enviar os seus datos (nome, email e tfno) previamente por email (compostela@verdegaia.org), e facer un pago de 8 euros antes do xoves 22 de xaneiro.  Os lugares para efectuar este pago son:

– O local de ADEGA - Compostela, na rúa Traveseira dos Basquiños, nº 9, de luns a venres en
horario de 10 a 14h.

– Na Gentalha do Pichel, na rúa Santa Clara, nº 21, o venres e sábado de 19h a 24h, e de luns
a xoves de 18h a 23h.

Para pechar o grupo o criterio será a orde de chegada das inscricións.

Aquelas persoas que se acheguen polos seus propios medios ao punto de partida do roteiro (Campo da festa novo de CAtasós) non terá que facer fronte a ningún custo.

Todas as persoas que queiran participar neste roteiro de ADEGA deberán levar para o camiño comida e calzado e roupa axeitados.

Boa andaina!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal