03-04-2025
Mariña Patrimonio e ADEGA identificaron na provincia de Lugo, ao longo do ano 2024 e comezos do 2025, 101 xacementos arqueolóxicos afectados por labores forestais. En concreto, 80 xacementos foron afectados por plantacións de eucaliptos, 19 por piñeiros e 2 por outras causas.
A corta do monte, con apertura de vías de saca, o paso de maquinaria pesada sobre os xacementos e a preparación do terreo para as plantacións forestais, que inclúe os buracos e os sucos de plantación, provocan en moitos casos danos graves e incluso a destrución de bens patrimoniais protexidos. Ademais, as raíces acaban afectando as estruturas e os estratos arqueolóxicos, o que contribúe á súa alteración ou destrución progresiva.
Desde o ano 2009, Mariña Patrimonio e ADEGA veñen realizando un seguimento continuado das afectacións a xacementos arqueolóxicos na Mariña, documentando os impactos sobre o patrimonio e denunciando os casos detectados. Un dos métodos empregados para identificar estas agresións é a comparación das imaxes aéreas dispoñibles en internet, coas que se revisan as actualizacións das ortofotografías para detectar cambios no terreo que poidan indicar a alteración de elementos patrimoniais. Unha vez detectadas estas posibles afectacións, voluntariado das asociacións desprázase a cada un dos xacementos identificados para comprobar in situ a existencia dos danos.
Dende entón, ambas asociacións levan presentadas numerosas denuncias perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, nas que se alerta dos danos causados por intervencións forestais e outras actividades que incumpren a normativa de protección patrimonial.
Para dar a coñecer esta situación na provincia de Lugo, ADEGA e Mariña Patrimonio organizan un acto informativo o xoves 3 de abril ás 20:00 h no Vello Cárcere de Lugo.
O evento contará coas intervencións de Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio, e Xosé Manuel Rodríguez, membro de ADEGA, que explicarán os traballos realizados, os métodos empregados para identificar os danos e as medidas que se solicitaron á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para frear a destrución do noso patrimonio arqueolóxico. Este acto está aberto a todas as persoas interesadas en coñecer esta problemática e a situación do patrimonio arqueolóxico en Galicia.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal