ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro pola fraga de Santo Estevo do Ermo...

16-03-2025

Roteiro pola fraga de Santo Estevo do Ermo (Barreiros)

O vindeiro domingo 16 de marzo achegarémonos ata a Mariña lucense para coñecer a mina de ouro da Cova, situada no entorno da ría de Foz, e xa pola tarde achegarémonos ata a fraga de Santo Estevo do Ermo, en Barreiros.

  • Percorrido pola ría: 6 km (dificultade baixa)
  • Percorrido por Santo Estevo: 2 km (dificultade media)
A ruta iniciarase en Viladaíde, onde deixaremos os coches e dende onde comezaremos a camiñata cara á ribeira da ría de Foz. Neste tramo, faremos unha pequena travesía pola zona intermareal, seguindo un percorrido con fermosas vistas da ría ata chegar á zona da mina romana de ouro da Cova.

Ao longo deste tramo, poderemos observar numerosos vestixios desta antiga explotación aurífera. Pasaremos pola lagoa de Pallares ou dos Patos e chegaremos ata o lugar de Pallares. Dende alí, regresaremos aos coches por pistas e camiños que atravesan esta extensa explotación romana.

Unha vez de volta en Viladaíde, colleremos os coches para desprazarnos ata a fraga de Santo Estevo do Ermo, onde xantaremos. Pola tarde, realizaremos un pequeno pero intenso percorrido polos tesouros que agocha esta máxica fraga.

Durante esta parte da ruta, faremos unha parada na parcela adquirida por Eira da Xoana – ADEGA. O percorrido pola fraga require especial precaución, xa que hai tramos húmedos e esvaradíos, polo que é recomendable levar bastóns.

Chegaremos ata a Fonte de Santa Rosa, onde os participantes poderán seguir o rito ancestral de deixar un anaco de tea ou pano de fibras naturais na contorna da fonte. Dende este punto, regresaremos ao inicio pasando polo Revertedoiro (fervenza) e continuando ata o lugar onde quedaron os coches.


Que levar:
  • Calzado adecuado para camiños húmedos e esvaradíos
  • Bastóns de sendeirismo recomendados
  • Roupa axeitada segundo a previsión meteorolóxica
  • Un anaco de tea ou pano de fibras naturais para a Fonte de Santa Rosa

O programa de roteros "Auga: O quebracabezas da vida"

Os seguintes roteiros son os seguintes:

  • 20 abril. Ancares por Terras do Val do Ser
  • 11 de maio. Carballeda de Valdeorras
  • 15 de xuño. Arousa. ALTRI NON.

Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva. As persoas interesadas terán que inscribirse a través do formulario de reserva antes das 13:00 do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades, aínda que as persoas socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como estudantado, persoas en situación de desemprego ou menores de 14 anos. 

No caso de que haxa servizo de autobús, as tarifas serán: 

Prezo xeral: 22€; Socios/as de ADEGA: 15€; Estudantes ou en paro: 17€; ata 14 anos: 6€.

Se non hai servizo de autobús a tarifa é de 6€.

O prezo inclúe o seguro de accidentes para menores de 75 anos e o autobús en caso de que haxa este servizo. 

O pago ten que realizarse con antelación e por transferencia bancaria. Enviaranse os datos unha vez feita a reserva. As prazas asignaranse por orde de inscrición ata o venres previo ao roteiro ás 13h.

Os roteiros son de xornada completa. Cómpre levar roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de todes.

    Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfono 982 240299 (local)

    Ligazóns

    ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
    Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
    Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal