16-02-2025
Roteiro de dificultade media-alta, duns 18,5 Km. de lonxitude e uns 250 m. de desnivel. Discorre polas parroquias de Teixeiro e Labio no concello de Lugo, e polas de Barredo, A Meda e Soutomerille no de Castroverde.
Comeza nos Lagos de Teixeiro, cunha primeira parte do percorrido en ascenso polo Monte Castelo, pasando polo Alto da Chousa e chegando á Pena do Castelo Vello, onde queda a lembranza da presenza de guerreiros viquingos na Baixa Idade Media. Desde o miradoiro acondicionado neste lugar poderemos contemplar amplas panorámicas.
Seguiremos cara ao Outeiro de Fompedriña e logo descenderemos á Lagoa da Carballosa (unha das zonas núcleo da Reserva da biosfera Terras do Miño). Preto dela, visitaremos a Pena da Ermida, cuxa toponimia e restos do que noutro tempo foi un espazoso abrigo natural, da a pensar que puidera terse utilizado hai séculos como refuxio dalgún eremita.
A continuación internarémonos na Carballosa, bosque de carballos de máis de 70 Has. de extensión, con felgos, musgos e outras plantas que lle confiren un gran valor ambiental. Poderemos desfrutar do seu agradable microclima e coñecer algúns dos “tesouros” que acolle, tanto naturais como culturais (abrigo rochoso, “círculo lítico”,...).
Seguiremos pola crista da Serra de Outeiro Maior en dirección leste, pasando polo Monte da Medorra e por unha área con varias mámoas e interesantes formacións rochosas (Tres Penas, Pena do Campanario, Penas de Gulfe, Pena da Sarna, O Pico, Pena da Ruza, Pena Branca e O Castriño). Durante esta parte do percorrido teremos ocasión de comentar o proxecto eólico que ameaza estes montes.
Descenderemos logo á aldea de Santo André de Barredo, e continuaremos cara ao sueste por terras de orografía chaira, atopándonos no camiño co Río da Baranca. Cruzada esta canle fluvial, uns 400 metros ao sur visitaremos o Cemiterio de Soutomerille, un dos máis pequenos de Galicia, e uns 250 m. máis adiante pasaremos pola Casa-Torre de Arriba (residencia de quen hai séculos dominara estas terras da parroquia de Soutomerille).
Subiremos logo á Croa de Soutomerille, onde nos deteremos nas formacións rochosas de Os Asentos dos Mouros, para tornar logo á Casa Torre de Arriba polo medio do bosque que envolve á croa.
Seguindo cara ao oeste, atoparémonos coa Igrexa de Soutomerille, -pequena capela que conserva restos dunha anterior capela de estilo visigótico ou mozárabe-, e, ao seu carón, cos restos da chamada Casa-Torre de Abaixo.
A andaina finalizará a uns 700 metros ao oeste deste lugar, nas proximidades da Areeira da Pallota, área de extracción mineira parte da cal foi obxecto de restauración ambiental hai poucos anos.
Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva. As persoas interesadas terán que inscribirse a través do formulario de reserva antes das 13:00 do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.
Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades, aínda que as persoas socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como estudantado, persoas en situación de desemprego ou menores de 14 anos.
No caso de que haxa servizo de autobús, as tarifas serán:
Prezo xeral: 22€; Socios/as de ADEGA: 15€; Estudantes ou en paro: 17€; ata 14 anos: 6€.
Se non hai servizo de autobús a tarifa é de 6€.
O prezo inclúe o seguro de accidentes para menores de 75 anos e o autobús en caso de que haxa este servizo.
O pago ten que realizarse con antelación e por transferencia bancaria. Enviaranse os datos unha vez feita a reserva. As prazas asignaranse por orde de inscrición ata o venres previo ao roteiro ás 13h.
Os roteiros son de xornada completa. Cómpre levar roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de todes.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal