09-02-2025
A Coordinadora "Eólica Así Non" traslada para este domingo, 9 de febreiro, as mobilizacións polo Día Mundial da Enerxía Limpa, que tivo que suspender o pasado 26 de xaneiro por mor do temporal.
A coordinadora fai un novo chamado á sociedade para denunciar o modelo de espolio enerxético que promove a Xunta de Galiza. Un modelo que non ten en conta os intereses da poboación e ten como principal obxectivo beneficiar o capital, á costa de xerar graves impactos medioambientais e expulsar ás comunidades de afectados/as e a cidadanía en xeral da toma de decisións.
A Coordinadora denuncia, ademais, a falta de respecto polas decisións xudiciais que demostra a Xunta de Galiza coa aprobación das últimas reformas legais, que teñen como obxectivo dificultar que a poboación se poida defender, tanto no eido administrativo como xudicial, diante destes proxectos agresivos e depredadores do territorio, destinando recursos públicos para exercer “violencia institucional” contra as comunidades veciñais afectadas. Comunidades que sofren un continuo acoso administrativo a través da sobresaturación de proxectos, da desregulamentación e da xeración de inseguridade xurídica, difamando e criminalizando a protesta social.
Eólica Así Non! aposta por unha nova planificación eólica real, que ordene a explotación desta enerxía no territorio, con obxectivos sociais e ambientais, que faga partícipe ao pobo galego e non se desenvolva en función dos intereses das grandes multinacionais enerxéticas.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal