Inicio / Axenda / Outras actividades / Asina a ILP Liberemos a Galega! en ADEGA
Do 22-10-2024 ao 26-01-2025
A organización ecoloxista ADEGA, en tanto que promotora da ILP "Liberemos a Galega!" canda a outros moitos colectivos e entidades sociais, ofrece a posibilidade de asinar a iniciativa nos seguintes puntos:
As persoas asociadas a ADEGA poderán tamén achegarse ao local nacional de ADEGA en Compostela para facerse con pregos e recoller sinaturas. Unha vez os pregos estean completos (cada un ten espazo para 30 firmas), deberán ser devoltos a ADEGA. Ademais, facemos un chamado de axuda para repartir cartaces e folletos, que tamén están a disposición no local de Compostela.
A plataforma en defensa dos medios públicos de comunicación, promotora da iniciativa, que agrupa 40 colectivos e organizacións do ámbito audiovisual, social, cultural, político e sindical galego, despregará durante este tempo (ata o 26 de xaneiro) unha campaña para conseguir en prazo o obxectivo de sinaturas necesarias, coa instalación de mesas informativas por todo o país e unha campaña de difusión nas redes sociais para dar a coñecer en detalle os contidos da ILP.
Entre as principais propostas desta iniciativa están a designación por concurso público, tanto da dirección xeral da CRTVG como do seu consello de administración, que deberán ser aprobados por unha maioría reforzada das 3/5 partes do Parlamento galego. Apóstase tamén polo desenvolvemento do estatuto profesional e do consello de informativos como ferramentas para intentar garantir o pluralismo e a independencia das profesionais dos medios públicos, ao tempo que se defende unha especial atención á programación infantil e xuvenil, o dereito de acceso de todos os grupos sociais, a promoción e defensa da identidade de Galicia e a súa lingua, o fomento da produción propia e a conservación e custodia do patrimonio audiovisual galego, entroutras medidas para defender uns medios públicos de calidade e ao servizo da cidadanía.
Esta ILP bate frontalmente co anteproxecto de lei de medios do Partido Popular que elimina todo tipo de garantías do pluralismo ideolóxico, protección da lingua, produción propia ou regulamentos internos coma o estatuto ou o consello de informativos para evitar a manipulación informativa.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal