ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro polas turbeiras da Serra do Xistral

17-03-2024

Roteiro polas turbeiras da Serra do Xistral

O vindeiro domingo 17 de marzo, continuando co programa que leva por nome “As montañas gardiás da nosa historia”, ADEGA-Lugo organiza un roteiro polas turbeiras do Xistral. O percorrido é lineal duns 11 Km. e dificultade media, e teremos o privilexio de contar con Xabier Pontevedra Pombal, e Rafael Carballeira, expertos coñecedores das turbeiras.

O autobús deixaranos no alto de Chao do Lamoso, camiñaremos o cordal central da Serra do Xistral onde se desenvolve o núcleo principal das turbeiras de cobertor. A disposición da serra permitirá  observar cara o oeste ata a depresión de As Pontes, cara o este ata a costa cantábrica, cara o sur a depresión da Terra Chá e cara o norte a costa de Viveiro. Poderemos ver usos e abusos do territorio e os dous grandes dominios litolóxicos e as súas paisaxes asociadas. Despois baixaremos polo val do río Pedrido e poderemos falar sobre regulación hídrica e impactos, así como das paisaxes glaciares do Xistral. Visitaremos unha turbeira elevada e remataremos en Veiga do Tremoal, unha turbeira minerotrófica de alveolo granítico mesturada con queirogal húmido atlántico, onde tamén poderemos debater sobre impactos vellos e novos. Neste punto recolleranos o autobús para o regreso.

As condicións meteorolóxicas do Xistral son algo impredecibles así que, en caso necesario, axustarase a actividade.

O autobús sairá ás 9h dende Lugo, e estará de volta ás 19h (o horario de regreso pode variar).

O programa de roteiros "As montañas, gardiás da nosa historia"

Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.

O seguintes roteiros deste curso 2023/24 son:

    • 21 abril: Ollando Asturias dende A Fonsagrada
    • 26 maio: Visita ao Castro de San Cibrao de Lás, O Lámbrica
    • 16 xuño: Muras-Viveiró

    Reserva a túa praza!

    Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva.

    As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

    Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.

    • Prezo xeral: 22€
    • Socios/as de ADEGA: 15€
    • Estudantes ou en paro: 17€
    • ata 14 anos: 6€.
    Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfono 982 240299 ou escribir a adegalugo@adega.gal.

    ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
    Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
    Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal