ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro a Neira de Rei (Baralla) - Rota do Dubio

17-12-2023

Roteiro a Neira de Rei (Baralla) - Rota do Dubio

Na porta de entrada á comarca dos Ancares dende Lugo comezamos en Baralla un percorrido duns 14 quilómetros dende a Ponte de Senra, na área fluvial da vila (481 m.). Pola beira dereita do río Neira subiremos cara a aldea de Matela (770 m.) onde xantaremos.

A altura máxima do concello está no Rañadoiro (1.101 m.), serra na que andaremos pola súa parte sur. É aquí onde está a pena Dubio que dá nome a este percorrido.

O río Neira nace na Fontaneira (concello de Baleira) a 940 m. de altitude. Descende polos vales de Neira de Rei e Neira de Xusá onde a vila de Baralla continuando polo concello de Láncara ata a súa desembocadura no Miño percorrendo en total 56 quilómetros.

Iniciando o percorrido pola beira do Neira veremos o vello muíño da Casa da Granxa da aldea próxima de Arroxo (1750) que aproveitaba ata 1985 as augas do río Vilachambre (que pretiño chega ao Neira).

Seguimos cara á aldea de Escobio que está a poucos metros e colleremos o camiño pola beira do Neira pasando entre castiñeiros centenarios. O bosque de vexetación autóctona acompañaranos todo o camiño aínda que algúns eucaliptos e piñeiros mancharán a paisaxe (especialmente nos lugares máis altos).

O caneiro da Pena de Escobio no mesmo río foi lugar de reunión para o baño ata hai ben pouco cando unha riada levou boa parte do caneiro que non foi recuperado.

Seguindo o camiño á beira do río temos o Pozo de Baño, un caneiro cunha fervenza, tamén aproveitado para lugar de baño, Freixós cun novo salto de auga e remanso. Todos estes lugares viñan asociados a canles de regadío.

A autovía A-6 vainos acompañando e facéndonos lembrar que debera ter sido construída paralela á NVI sen ter afectado ao canón do río Neira como no seu momento foi demandado por parte de ADEGA e a veciñanza de Neira de Rei.

De xeito máis forte iniciamos o ascenso cara Matela á altura do Pozo Negro e pasando polo monte de A Raseliña, un camiño cheo de prados en uso.

Chegados xa a Matela xantaremos na vella Escola a carón da capela de San Xosé.

Logo de recuperar forzas baixaremos desta volta a media ladeira ata a Pena Carramedo dende onde gozaremos dunhas vistas da Serra do Rañadoiro e máis co canón do río Neira.

De volta a Escobio só nos falta camiñar polo paseo até a área fluvial da vila pero, desta volta pola marxe esquerda.

O programa de roteiros "As montañas, gardiás da nosa historia"

Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.

O seguintes roteiros deste curso 2023/24 son:

  • 21xaneiro:Lugo (Adai)
  • 18febreiro:Soutomerille- Barredo, polo Concello de Castroverde
  • 17marzo:OsCanóns do Sil 
  • 21abril:Ollando Asturias dende A Fonsagrada
  • 26maio: Visita ao Castro de San Cibrao de Lás, O Lámbrica
  • 16xuño: Muras-Viveiró

Reserva a túa praza!

Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva.

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.

  • Prezo xeral: 22€
  • Socios/as de ADEGA: 15€
  • Estudantes ou en paro: 17€
  • ata 14 anos: 6€.
Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfono 982 240299 ou escribir a adegalugo@adega.gal.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal