ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / ADEGA Lugo participa na mostra...

Do 31-03-2023 ao 15-05-2023

ADEGA Lugo participa na mostra "Eólica Así Non!" na sala Solaina

Arte ao servizo da sociedade e do medio

O vindeiro venres 31 de marzo ás 17h terá lugar na galería de arte Solaina a inauguración de "Eólica Así Non!", unha mostra colectiva realizada en colaboración con ADEGA, conformada pola obra de 7 artistas, Catara Rego, Andrés Dearca, Lúa Gándara, Lois Cid, Olmo Blanco, Raquel Álvarez e Sergio Marey, este último tamén é o curador da mesma.

Nela podemos atopar dende pintura ata obra dixital, pasando pola tatuaxe, a escultura e o audiovisual. Unha variedade de obras e disciplinas coas que as artistas amosan o espolio enerxético ao que esta sendo sometida Galiza e ponhen de relevo a importancia do coidado do medio ambiente e o patrimonio do país.

A proposta nace como unha reivindicación social, máis tamén quere amosar a importancia da paisaxe e o medio para as artistas galegas, algo que as atravesa, que atravesa a arte galega en xeral, e que é reflexo da sociedade. Por ende a exposición quere amosar a importancia da paisaxe e o medio para a xente da Galiza.

Tal e como reivindican dende a sala, levamos anos nos que esta terra foi vítima do roubo dos nosos recursos para seren posto ao servizo de grandes enerxéticas do Estado mais tamén europeas e do mundo, apoiadas polos gobernos tanto galego, como estatal como europeo. Recursos hídricos, eólicos, madeireiros... a través dos cales se contribúe á destrución da nosa paisaxe e do noso patrimonio, non só natural, senón cultural é artístico, pois para a extracción de moitos deste recursos se destrúe restos arqueolóxicos, vilas...

A exposición "Eólica así non!" quere reflectir as implicacións que ten, neste caso a produción de enerxía eólica. Esta implica unha serie de graves problemáticas, que lonxe de minguar, se acrecenta co paso do tempo, de aí o xurdimento desta proposta curatorial. Dende a seca de regatos, humedais, a aceleración da extinción de flora e fauna, destrución da Rede Natura 2000 así como de outros espazos protexidos, alteración dos ecosistemas... e un longo etcétera.

Isto é sobre o que quere facer reflexionar a mostra "Eólica así non!" e propor un modelo alternativo, un modelo de enerxía soberana, social e sustentábel, pensada por e para Galiza. E será desa alternativa da que falará máis polo miudo Adela Figueroa Panisse, presidenta da delegación de Lugo de ADEGA, así como da problemática eólica no Concello de Lugo. 

Solaina será a primeira parada desta mostra que pretende iniciar unha xira polo país amosando a través da arte contemporanea que esta a pasar, acompanhadas sempre de ADEGA que falara da situación da eólica en especifico para o lugar onde Eólica Así Non! Se exponha.


ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal