Revista CERNA

Artigos de Contaminación. Revista CERNA, medio ambiente e ecoloxismo da man de ADEGA

Contaminación por fluoruros no contorno de Alcoa, San Cibrao

Luís Díaz Cabanela

CERNA Nº 60 - Sentenzas Xudiciais: Caso Rinlo

Páx. 30 - 32

Diferentes análises realizadas nos arredores da factoría de aluminio ALCOA-INESPAL de San Cibrao (Lugo) amosan unha alta contaminación por fluoruros. O fluoruro de calcio é utilizado como electrólito e o fluoruro de sodio como fundente na fabricación de aluminio. Neste artigo amósanse os niveis da presenza deste contaminante nos diversos ecosistemas da zona.

Efectos do Prestige sobre os ecosistemas

Victoriano Urgorri

CERNA Nº 62 - O lixo en Galiza: Máis incineración?

Páx. 26 - 28

O desastre do Prestige foi unha das peores catástrofes que viviu o noso país, incrementada por unha nefasta xestión do desastre ao meter o buque no centro da borrasca, creando así esa inmensa mancha que acadou todo o litoral galego. Os efectos inmediatos foron claros e puidéronse ver os centos de aves que morreron nun espazo de tempo, pero non se ven os efectos que inda hoxe hai no litoral, e o peor e que a situación podería pasar en calquera momento outra vez. Ademais disto, inda que pareceu que o desastre espertou unha alta conciencia ambiental na sociedade, non podemos dicir o mesmo da administración xa que a contaminación das rías galegas incrementouse exponencialmente dende o Prestige.

O gas radón nas vivendas galegas.

Xoán Miguel Barros Dios

CERNA Nº 62 - O lixo en Galiza: Máis incineración?

Páx. 32 - 35

O radón é un gas radioactivo de orixe natural que emana do radio que á súa vez provén do uranio presente nas rochas graníticas e que, segundo a Organización Mundial da Saúde, é responsábel de entre o 3% e o 14% das mortes por cancro de pulmón. É por isto, polo que se quere dispor no Estado español dun mapa de radón que sinale, fundamentalmente, as zonas xeográficas cun alto nivel de radiación. En Galiza as medicións lévanse a cabo pola Universidade de Santiago de Compostela, baixo a coordinación do director do Laboratorio de Radón de Galiza, Xóan Miguel Barros Dios. O profesor desvela a través deste artigo algunha das particularidades deste gas tan frecuente en Galiza, como descoñecido.

Lodos vermellos. Galiza mira a Hungría

Ramón Varela Díaz

CERNA Nº 63 - Galiza: Territorio agredido

Páx. 12 - 14

En outubro de 2010 produciuse un vertido de 800.000 toneladas de lodos vermellos, que escaparon dunha balsa e causaron numerosos danos persoais, a morte de nove persoas e máis de 200 feridos, e a destrución de hábitats próximos. A mala xestión que fixo a empresa de aluminios instalada en Hungría é a mesma que fai alumina aluminio na súa fábrica de Alcoa situada no norte da provincia de Lugo. Así, ponse de manifesto o perigo que supón para os galegos as súas instalacións e o sinxelo que sería evitalo se a propia empresa tivera un interese real polo ambiente, máis se a lexislación non lles obriga o máis probable é que este desastre volva ser noticia en calquera punto de Europa proximamente.

Contaminación acústica. Solucións para mellorar o noso contorno

Gabriel Pereiro

CERNA Nº 64 - O impacto do cambio climático nas rías galegas

Páx. 20 - 23

No noso contorno existe unha problemática importante e moitas veces descoñecida como é a contaminación acústica. Sinxelas consideracións permitirían dar solución, en maior ou menor medida, a este problema. De feito, segundo a Organización Mundial da Saúde(OMS), actualmente España é o segundo país do mundo que máis ruído presenta; só superado por Xapón. No presente artigo amósanse distintas solucións de uso cotián para reducir este tipo de contaminación con exemplos gráficos de medidas adoptadas na nosa Comunidade. Faise, ademais, un breve repaso a dous aspectos fundamentais para dar solución a este problema: o tipo de materiais que se deben empregar e onde se deben situar. Asemade, preséntase unha nova alternativa nacida en Galiza no marco da normativa vixente e do tan ansiado desenvolvemento sostíbel consistente no aproveitamento dun dos nosos recursos naturais renovábeis (a biomasa) para controlar os ruídos.

A explotación da pizarra en Galiza e os seus impactos ambientais

Dr. Francisco Gutiérrez

CERNA Nº 65 - Os ríos: explorar para conservar

Páx. 36-37

Galiza é a primeira potencia mundial en producción e exportación de lousa. A explotación deste recurso leva asociada unha problemática ambiental moi específica e característica. O desproporcionado desenvolvemento do sector, a falta de criterios racionais no deseño e planificación das explotacións, unido á inexistencia de previsión ou planificación ambiental provocou que herdaramos unha complexa e problemática situación, non só ambiental e mineira, senón tamén social e económica. O estudo da explotación da lousa en Galiza dá como resultado que a situación ambiental destes coutos mineiros é irreversíbel, que non é posíbel a súa restaauración e que é inviábel economicamente a súa recuperación ou rehabilitación. É preciso, pois, un cambio de modelo na explotación das louseiras en Galiza, que se especifica neste artigo.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal