CERNA Nº 74 - Seguimento de hérpetos
Páx. 37-39
Tras un ano desde o impulso da campaña “Cousa de Raíces” na defensa do bosque galego, o número de asociacións, colectivos, plataformas, centros de investigación, comunidades de montes, empresas e particulares que se uniron a esta iniciativa, posta en marcha por ADEGA, non deixou de medrar. Actualmente participan dela máis de 50 entidades. O alcance da campaña, como así estaba previsto, vén marcado pola proposta de accións e colaboracións establecidas entre os seus membros, que procuran defender o bosque autóctono galego desde varios eidos con carácter reivindicativo, divulgativo ou educativo e de intercambio de coñecementos. Neste artigo, presentamos un breve resumo dos avances que se teñen dado durante este ano no marco da campaña “Cousa de Raíces”.
CERNA Nº 73 - O decaemento do ameneiro
Páx. 22-23
As frondosas caducifolias poden ser tan rendibles como as outras especies forestais, aplicando principios de sustentabilidade, aproveitamentos multiproduto e novos procesos como a biorrefinaría.
CERNA Nº 73 - O decaemento do ameneiro
Páx. 24
A Fontiña das Laxes é un exemplo de como ese eucaliptal que temos ao lado da casa, de escaso valor e fonte de riscos diversos como os incendios, pode ser transformado nun souto para o seu aproveitamento integral por toda a familia: leña, madeira, castañas, cogomelos, paxaros, sombra, xardín... Relátanolo Elisa Pérez, promotora desta transformación.
CERNA Nº 73 - O decaemento do ameneiro
Páx. 25-26
O Dryocosmus kuriphilus é a nova praga do castiñeiro. Detectouse en maio de 2014 en Galiza e xa está estendida polas catro provincias galegas. Coñécese comunmente como a avespa do castiñeiro e procede de China. Pese á insistencia dos produtores de castaña galegos, polo de agora o Ministerio de Alimentación, Agricultura e Medio Ambiente non autorizou a solta do único parasito capaz de controlar a avespa exótica, o Torymus sinensis, á espera de que se determinen os efectos que estas soltas poderían ter no ambiente galego. A Estación Fitopatolóxica do Areeiro da Deputación de Pontevedra estase a encargar desta investigación. Entrevistamos ao seu director, Pedro Mansilla, para coñecer o impacto desta praga e a evolución do estudo que está a desenvolver sobre o seu control biolóxico.
CERNA Nº 72 - Recheos nas praias
Páx. 38-39
No monte comunal dos veciños da parroquia de Nebra, no Barbanza, ASOPORCEL (Asociación de Criadores de Porco Celta de Galicia) está a desenvolver un proxecto pioneiro para o futuro do silvopastoreo do monte galego, onde se xunta o modelo tradicional de aproveitamento do monte con animais, coas máis modernas tecnoloxías, impulsando a agrobiotecnoloxía. Trátase dun método de silvopastoreo con 50 exemplares de porco celta que se manexan polo sistema de reflexo condicionado de Pavlov.
CERNA Nº 71 - Outra xestión do lixo é posíbel
Páx. 31
O pasado 9 de maio tivo lugar en Lugo o II Congreso Europeo das Terras comunitarias, continuador do fito histórico que supuxo a primeira edición en setembro de 2011, en Vila Real. No actual escenario de crise e desconfianza, ADEGA participou neste encontro instando a acción común entre ecoloxismo e áreas comunitarias. Nestes eventos, os nosos montes veciñais compartiron palestra cos baldíos portugueses, cos crofts escoceses e cos montes comúns italianos; todos eles fixeron visible a importancia das áreas comunitarias como oportunidade e alternativa ante un mundo rural en descomposición.