Revista CERNA

Artigos de Educación ambiental. Revista CERNA, medio ambiente e ecoloxismo da man de ADEGA

A custodia do territorio en Galiza: situación e perspectivas

Ramsés Pérez e Virxinia Rodríguez

CERNA Nº 66 - Espazos protexidos, baixo mínimos

Páx. 20-21

Con motivo da realización do I Encontro galego de Custodia do Territorio e da recollida das fichas coas iniciativas de custodia das entidades participantes, elaboramos un primeiro inventariado galego de iniciativas de custodia que resume a situación desta figura de conservación do territorio de Galiza. Neste artigo presentamos algúns aspectos destacados deste traballo. O obxectivo do inventario é facilitar a difusión do concepto, as experiencias existentes, e servir de manual para aquelas persoas e entidades que queiran iniciarse na custodia

I Encontro galego de custodia

Belén Rodríguez

CERNA Nº 66 - Espazos protexidos, baixo mínimos

Páx. 22-23

Tivo lugar os pasados 29 e 30 de outubro en Santiago de Compostela. Organizado por ADEGA e coa colaboración da Asociación Galega de Custodia do Territorio, tratou de acoller a todas as entidades de custodia que están a desenvolver proxectos en Galiza baixo esta forma de participación social na conservación do medio natural para intercambiar experiencias e dar un primeiro chanzo na creación dunha Rede galega de Custodia do Territorio. Os obxectivos, entre outros, son poder obter unha presenza representativa dos proxectos galegos de custodia nos foros estatais e acadar unha idea mais aproximada da incidencia da custodia no país galego. No encontro, unha vintena de entidades deron a coñecer preto de 30 proxectos.

Educación ambiental en Galiza: Crise, que crise?

Miguel Pardellas e Pablo Ángel Meiras

CERNA Nº 66 - Espazos protexidos, baixo mínimos

Páx. 52-54

Que 200 traballadores da industria pirotecnia galega quedasen no paro temporalmente como consecuencia da normativa estacional de prevención de incendios forestais pareceu, e seguramente o foi, unha traxedia social inaceptábel. Mereceu sen dúbida, a atención dos medios de comunicación e a solidaridade de quen asocia a celebración festiva cos estoupidos de rigor. Hai dramas similares pero de maior escala que, sen embargo, están a pasar desapercividos, resultando totalmente invisíbeis para os medios de comunicación e a sociedade. Facendo unha estimación sobre os datos de emprego referidos a 2007 derivados do Proxecto Fénix, xusto nos prolegómenos da crise actual, a perda de postos de traballo no sector da Educación Ambiental (EA) en Galiza durante os últimos catro anos pode estimarse nun 50%, unhas 500 persoas.

I Feira de produtos naturais e artesáns na Eira da Xoana

Marga Miguens

CERNA Nº 67 - O lume: dono dun monte desleixado

Páx. 14-15

O pasado domingo 18 de Marzo, ADEGA organizou a I Feira de produtos naturais e artesáns na Eira da Xoana (Ramil, Agolada). Ao redor de 500 persoas pasaron unha agradábel xornada de mercado, gozando da contorna e degustando diferentes produtos á vez que aprendían a facer cestos, utensilios de barro ou colonias. Pola tarde realizaronse xogos tradicionais para os máis cativos e unha mesa redonda sobre alimentación para os maiores. Ao final da feira foron sorteadas entre os consumidores tres cestas de produtos ecolóxicos e artesáns cedidos de balde polos produtores.

A compostaxe comunitaria: xestión sustentábel dos residuos en zoas urbanas

María Lafuente

CERNA Nº 67 - O lume: dono dun monte desleixado

Páx. 18

Da horta á mesa, da mesa á esterqueira e da esterqueira á horta. Este é o ciclo lóxico da materia orgánica e tamén da vida. De todos é sabido que a terra precisa de abono, é dicir, de nutrientes que proporcionan fertilidade para que a terra nos agasalle unha manchea de saborosos produtos. En ADEGA temos claro que é imprescindíbel recuperar e compostar todos os residuos orgánicos, por iso puxemos en marcha en 2002 o primeiro programa decompostaxe domestica no concello de Ferrol. Hoxe en día esta práctica está estendida a 43 concellos que puxeron a andar proxectos de compostaxe doméstica coa axuda de ADEGA e instalaron preto de 3.000 composteiros con excelentes resultados en canto a calidade e participación.

A casa das Insuas

Martiño Cabana e Óscar Rivas

CERNA Nº 67 - O lume: dono dun monte desleixado

Páx. 46-47

A Casa das Insuas é un edificio histórico, de grande tamaño e cun elevado potencial para a realización de actividades de educación ambiental. A Casa das Insuas nace coa vocación de crear un t ecido asociativo e acadar a colaboración estreita entre un grupo de entidades naturalistas galegas. Deste modo, aínda que a xestión é levada a cabo pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, outras asociacións tamén colaboran nesta tarefa mediante a organización dun elevado número de eventos. Á marxe da asociación, a Casa das Insuas ten unha ampla presenza na rede. Conta cun blog propio (www.casadasinsuas.org) onde se informa do seu programa de actividades e as novidades relacionadas con este Centro de Estudo e Conservación da Natureza, e, máis recentemente, tamén se habilitou un espazo en Facebook con información puntual das súas actividades.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal