Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 87 - Espazos...
Páx. 5-6
A pesca galega leva anos nunha profunda crise que non está motivada pola ausencia de recursos nas nosas costas, que os hai, é moitos, e tampouco porque falten bos barcos e boas infraestruturas nas lonxas, e por suposto, os mellores pescadores. Non. Esta crise, que cada ano destrúe barcos e postos de traballo, é unha crise que ten a súa orixe na feble xestión política que se fai deste sector primario. Unha xestión que, lonxe de aspirar a colocar este ramo esencial e básico como un actor relevante no xogo político, ponse de perfil á hora de exercer a influencia necesaria para tornar o actual estado de cousas.
Páx. 7-9
A implantación no territorio das infraestruturas precisas para o funcionamento das enerxías renovábeis provocan unha serie de impactos negativos sobre a biodiversidade. No caso da enerxía eólica téñense demostrado efectos como a erosión do solo e a perda de hábitats, a alteración da dinámica hídrica e a mortalidade por colisión de aves e morcegos, alén do ruído e do impacto visual, entre outros; afeccións das que tampouco están exentos os parques eólicos mariños. Faise pois imprescindíbel para a boa planificación da ubicación de instalacións de xeración de enerxías renovables en Galiza, a elaboración dun mapa de zonas de exclusión que recolla criterios que permitan salvagardar a diversidade natural e manter os servizos ecosistémicos.
Páx. 10-12
Organismos internacionais como poden ser a Organización das Nacións Unidas (ONU), a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e mesmo a Unión Europea, recomendan que o futuro dos montes pase por unha tenencia máis xusta destes territorios, evitando a súa centralización en poucas mans, pasando tamén por dar protagonismo aos seus titulares nos procesos de posta en valor.
Páx. 13-16
Os Montes Veciñais en Man Común son unha figura singular e fundamental da realidade galega que, a partir da acción colectiva, xestiona grandes extensións de monte. Un dos concellos con relevancia no tocante á propiedade comunitaria é o de Ponteareas. Neste municipio realizouse un proxecto de investigación para estudar a traxectoria histórica dos montes en man común e das institucións colectivas que os gobernan. Tamén se abordou a situación presente e se tentou albiscar sobre as dinámicas futuras.
Páx. 17-20
Neste artigo realízase unha aproximación á efectividade da Rede Galega de Espazos Protexidos (13% do territorio galego) en relación á conservación das aves consideradas En perigo de extinción e Vulnerables en Galiza polos catálogos galego e español de especies ameazadas. A través dun sistema de puntuación (0 a 10), obtense que só 7 das 45 especies ameazadas chega ao aprobado (mellor nota de 8), suspendendo o resto de especies, 7 delas mesmo cun 0. Estes resultados suxiren que a Rede Galega de Espazos Protexidos e/ou a xestión ambiental que se realiza dela son insuficientes para garantir a conservación das especies ameazadas de Galiza.