Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 67 - O lume: dono...
Páx. 34-36
RÍOS CON VIDA, unha organización estatal dedicada á defensa dos cursos fluviais e do seu contorno, emprendeu unha serie de denuncias penais contra os titulares de certos aproveitamentos hidroeléctricos que operan en Galiza e que incumpren a normativa vixente sobre os recursos hidrolóxicos. Algunhas das empresas afectadas son Endesa, Iberdrola ou Gas Natural-Unión Fenosa. Entrevistamos ao seu presidente, Pedro Brufao Curiel, que ademais é Catedrático EU de Dereito Administrativo na Universidade de Estremadura e Máster en Dereito Ambiental e da Enerxía pola Tulane Law School de Nova Orleans, becado pola Fulbright Commission.
Páx. 38-39
Nas últimas décadas, o emprego das ondas electromagnéticas como base da comunicación sen fíos incrementouse de forma xeneralizada por todo o mundo. As principais fontes da radiación electromagnética son as antenas de telefonía móbil, o emprego de móbiles e, máis recentemente, os sistemas WIFI. O uso de aparellos que emiten este tipo de radiacións provocou desde case os seus inicios a existencia dun importante debate sobre os efectos nocivos das radiacións electromagnéticas (REM) sobre organismos vivos como árbores, aves ou abellas, pero tamén sobre a saúde humana.
Páx. 40-42
Cando pensamos no monte, nos seus recursos e, polo tanto, nas posibilidades de desenvolvemento que lle pode proporcionar aos seus propietarios, adoitamos centrarnos case exclusivamente naqueles que teñen que ver con aspectos vinculados ao carácter produtivo máis clásico e, deste xeito, cos recursos forestais (principalmente os derivados da madeira), pasando por alto moitas veces a posibilidade de aproveitar outros recursos que nos achegan un interese ambiental, social ou produtivo que deberíamos de ter en conta, como poden ser os recursos hidrolóxicos, enerxéticos, culturais, turísticos, etc. Precisamente ligado ao monte, dunha forma significativa, atopamos un amplo e diverso patrimonio cultural que, en moitos casos, indican xa de por si os diferentes usos que se lle deu e, polo tanto, os valores e recursos que contén ou contivo e que é capaz de xerar, entre outros posíbeis.
A conservación dos bosques tamén pasa pola incorporación de novas plantas que sexan máis resistentes a determinadas patoloxías e que poidan multiplicar a súa produción ou incorporar novos froitos que incrementen o seu valor produtivo. A micorrización, como proceso fisiolóxico, é un traballo en equipo que ten por finalidade a axuda que se prestan mutuamente dous seres vivos, a planta e o fungo, nun medio que é o chan.
Páx. 44
Estes cogomelos primaverais xa eran ben coñecidos nasribeiras do Sil, onde os escaldaban antes de preparalos e tiraban a primeira auga xa que se se consumen crúas ou pouco cociñadas son tóxicas.Un dito que confirma esta cultura micolóxica no oriente ourensán é: “Orellos, cuncos e pantorras, escaldas para que non morras”. Xa de antigo sabían que a primeira auga destes cogomelos se debía tirar. A Helvella spadicea, a Helvella sulcata e a Helvella crispa coñécense popularmente como “orellos”; a Sarcosphaera coronaria, como “cuncos”; e as Morchellas, como “pantorras”.
Páx. 46-47
A Casa das Insuas é un edificio histórico, de grande tamaño e cun elevado potencial para a realización de actividades de educación ambiental. A Casa das Insuas nace coa vocación de crear un t ecido asociativo e acadar a colaboración estreita entre un grupo de entidades naturalistas galegas. Deste modo, aínda que a xestión é levada a cabo pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, outras asociacións tamén colaboran nesta tarefa mediante a organización dun elevado número de eventos. Á marxe da asociación, a Casa das Insuas ten unha ampla presenza na rede. Conta cun blog propio (www.casadasinsuas.org) onde se informa do seu programa de actividades e as novidades relacionadas con este Centro de Estudo e Conservación da Natureza, e, máis recentemente, tamén se habilitou un espazo en Facebook con información puntual das súas actividades.