Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA e Amil Sen Eólicos piden ao TSXG que ordene a...

10-05-2024

ADEGA e Amil Sen Eólicos piden ao TSXG que ordene a execución da paralización cautelar do polígono eólico Acibal ante sospeitas de incumprimento

As organizacións demandan ao tribunal que dispoña de forzas de seguridade públicas na zona para verificar que tipo de tarefas se están executando.


A organización ecoloxista ADEGA e o colectivo Amil Sen Eólicos demandan que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vixíe as actuacións da promotora eólica Norvento no monte Acibal trala orde de paralización cautelar das obras de construción emitida polo propio tribunal e ante a sospeita do seu incumprimento. A veciñanza puido confirmar que desde este mércores 8 de maio, día en que se comunicou o Auto de paralización cautelar inmediata, continuou a actividade na zona por parte de Norvento e de varias empresas, entre elas, Francisco Gómez e Civis Global, que deron á veciñanza versións contraditorias sobre a súa presenza ante a demanda de explicacións. A veciñanza tamén puido constatar a contaminación do antigo nacemento do regato de Matacabalos con lixo (parafusos, plásticos...) xerado durante as obras.

Presentacións de denuncias

Perante estas sospeitas, ADEGA presentou denuncia este xoves ante o Seprona e a Policía Autonómica, que alegaron falta de competencias para facer executable o Auto de paralización cautelar inmediata emitido polo alto tribunal mentres o xulgado non lles enviase directamente e por canle oficial unha orde expresa. A organización tamén remitiu denuncia á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e dirixiuse á Dirección Xeral da Garda Civil do Ministerio de Interior para urxir a inmediata intervención, perante o risco de destrución de bens arqueolóxicos de extraordinaria importancia para o interese xeral de Galiza que se atopan no Acibal.  

Así mesmo, o colectivo Amil sen Eólicos e ADEGA mandaron comunicación urxente ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para que remitan o Auto tanto ao Seprona coma ao Concello de Caldas. A plataforma veciñal non descarta a presentación de denuncia contra todas as empresas se continúan a executar obras do parque no monte Acibal malia a orde de paralización do tribunal galego.  

Pola súa parte, a empresa Norvento notificou ao TSXG un comunicado no que asegura que durante o día de onte e de hoxe se "acometeron determinadas actuacións a fin de evitar que se produzan danos a persoas, animais ou ao entorno natural, para que a paralización das obras se realice nas condicións necesarias de seguridade e protección ambiental". Unhas actuacións que, indica a promotora, non finalizarán ata o día 20 de maio.  

As organizacións demandantes dubidan desta versión de Norvento e advirten que podería tratarse dunha excusa para continuar executando as obras de construción do polígono eólico. Unha situación semellante á que aconteceu, lembran, o pasado outubro de 2023, cando a promotora construíu a cimentación dun novo aeroxerador no canto de facer labores de seguridade, como asegurara. ADEGA e Amil sen Eólicos, ante estes precedentes de incumprimentos, esixen que o tribunal galego dispoña de forzas de seguridade públicas durante eses labores para que verifiquen o carácter das tarefas, e tamén demandan que a empresa promotora o acredite coa documentación correspondente.

En aplicación da Lei de Patrimonio Cultural

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) notificou á organización ecoloxista ADEGA esta semana o acollemento da súa solicitude de paralización cautelar inmediata das obras de construción do proxecto eólico Acibal, autorizadas pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galiza, debido ao descubrimento de bens arqueolóxicos e en aplicación do artigo 100 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.  

O tribunal galego dubida que a Xunta de Galiza outorgase a necesaria cobertura xurídica ás obras de Norvento, xa que sinala que "aínda que a Administración actuante ten cobertura para construír o parque eólico porque conta con autorización administrativa para iso, con todo, carece de cobertura cando, estando a executar as obras do parque, se produce o achado de restos arqueolóxicos (petróglifos e demais)". Discute tamén que, ante as múltiples denuncias de veciñanza, o Seprona e máis da asociación demandante, ADEGA, "non se cuestione" por parte da Administración "a decisión de suspensión de tales obras, dado que non contesta os requirimentos de cesamento", tal e como lle posibilita o artigo 100 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. 

En concreto, esta lei recolle que cando no curso dunha obra se constate ou se presuma da existencia dun xacemento arqueolóxico, "a consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderá ordenar a intervención arqueolóxica de urxencia que resulte procedente e mesmo paralizar, de ser o caso, as obras ou remocións durante un prazo de dous meses, que poderá prorrogarse, de considerarse necesario, por outros dous meses". A organización ecoloxista ADEGA formalizou a demanda perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en base a este artigo o pasado mes de marzo; logo de que no pasado outono ADEGA interpuxera tamén recurso contencioso-administrativo ante a Sala Terceira do TSXG fronte á suposta vía de feito na que incorreu a Administración por non ter aplicado dito precepto. 

Nesta demanda relatábanse de maneira exhaustiva tanto as comunicacións presentadas ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre medio cento de novos bens arqueolóxicos, como as circunstancias relativas á actitude pasiva ou mesmo obstrutiva da administración autonómica en relación á protección destes restos impostas pola Lei de Patrimonio Cultural. Así mesmo, xunto coa demanda achegáronse informes de persoas expertas en arqueoloxía a nivel internacional que acreditan o espolio patrimonial que se acometeu nunha área especialmente relevante a nivel arqueolóxico, non só no contexto de Galiza, senón a nivel estatal e internacional. 

Por outra banda, no Auto do tribunal galego sinálase que "non concorre" a perturbación aos intereses de terceiros, neste caso os de carácter económico propios da empresa eólica, "por canto que os posibles danos pola paralización das obras de construción do parque que explotará no futuro son susceptibles de res reparados". Engade tamén que "non se observan como ocasionadas perturbacións aos intereses da Administración, "pois a paralización provisional a consecuencia dos achados dos restos de interese arqueolóxico non debería, polo seu carácter temporal, levar consigo unha alteración ou trastorno de carácter grave".

Acibal, unha gran área arqueolóxica

O polígono eólico do Acibal estase a construír nunha auténtica área arqueolóxica, o cal en boa parte xa foi dinamitado polas obras de Norvento, como é o caso do Coto do Mouro. O monte Acibal conta ademais cunha ringleira de tetrasqueis, única en Galicia, e con polo menos 4 petróglifos nunha área de 25m2 na que se pretende construír a subestación. Un deles atópase nunha rocha con varios gravados rascada xa pola maquinaria pesada da obra. A veciñanza está convencida de que a área de intervención eólica acolle aínda máis xacementos dos que se teñen atopado, mais nos últimos tempos tiveron que cesar as visitas veciñais ante a vixilancia da empresa e os impedimentos que esta lles pon para o libre desprazamento polo monte do Acibal.  

Tanto ADEGA como o colectivo Amil sen Eólicos urxen que as autoridades competentes fagan cumprir de forma inmediata a orde de paralización do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Ao tempo, está en curso a demanda presentada por ADEGA ante o tribunal galego, pola que se esixe tamén a revogación da autorización administrativa e de construción do proxecto eólico por graves incumprimentos da DIA. Igualmente, esixen a restauración do Monte Acibal ao seu estado previo, na medida do posible, xa que hai zonas que xa non se poden restaurar porque foron totalmente destruídas. 

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal