19-04-2016
O obxectivo é acadar taxas de reciclaxe do 80% para o que é preciso reciclar a materia orgánica, que supón o 42% da nosa bolsa de lixo. O concello puxo en marcha un proxecto integral de compostaxe baseado no principio de proximidade, é dicir, na compostaxe caseira e comunitaria.
Nas zonas rurais repartíronse composteiros individuais para que cada cidadán/á trate os residuos orgánicos na súa casa, como se fixo sempre, transformándoos nun abono de calidade que é usado na propia horta ou xardín pechando así o ciclo da materia orgánica.
Nas zonas urbanas instaláronse 24 illas de compostaxe comunitaria, e deste xeito, a xente que vive no casco histórico ou nos pisos tamén teñen tamén a posibilidade de compostar os seus residuos orgánicos.
O funcionamento destas áreas é simple: a veciñanza soamente ten que separar na casa os restos orgánicos, restos tanto cociñados como sen cociñar, e levalos a estas illas, depositalos no interior dos composteiros e cubrir con restos de poda triturada (estruturante).
Logo persoal do concello encargase de acondicionar os composteiros engadindo máis estruturante, se é preciso, e remexer para que o proceso funcione correctamente.
As illas de compostaxe fóronse abrindo de xeito controlado, repartindo ao mesmo tempo un caldeiro para separar na vivenda, un folleto e unha explicación do proxecto porta a porta. Dende ADEGA podemos dicir que a aceptación entre a poboación é moi boa e a participación alta.
Ademais vén de poñerse en marcha a máquina de tratamento de materia orgánica no parque empresarial de Chorente, que recollerá a materia orgánica do programa "porta a porta" para grandes produtores.
Por último e non menos importante é a participación do colexio Padre Feijoo no proxecto. Organizamos un curso de xestión de residuos e compostaxe para o profesorado e de xeito paralelo o alumnado realizou unha ecoauditoria de residuos no colexio, e comezaron a usar o seu propio composteiro. Os residuos do comedor tamén son xestionados mediante a compostaxe nas illas de comunitaria. Para o vindeiro 3 de maio ADEGA realizará un obradoiro no Padre Feijóo para reforzar a compostaxe e a separación de residuos.
Neste proxecto ademais de ADEGA tamén participan sa universidades de A Coruña e Vigo e conta con financiamento externo através do plan provincial 2015, da Consellería de Industria e, através do Ministerio de Medio Ambiente, do programa PIMA que se desenvolverá ao longo de 2016.