Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / Todas / ADEGA apela á conselleira de Medio Ambiente para que actúe...

15-01-2024

ADEGA apela á conselleira de Medio Ambiente para que actúe con maior axilidade e transparencia ante incidentes de contaminación mariña

O presidente de ADEGA, Roi Cuba, reuniuse esta mañá coa Vicepresidenta Segunda e Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, para transmitirlle a preocupación do movemento ecoloxista galego ante a falta de reacción temperá, de transparencia e información e dunha xestión adecuada por parte da Xunta de Galiza diante do recente episodio de contaminación mariña por mor do vertido de pelets de plásticos. Roi Cuba, acompañado polo secretario xeral de ADEGA, Froilán Pallín, e da secretaria executiva, Belén Rodríguez, non quixo deixar pasar a oportunidade para reclamar á consellaría de Medio Ambiente unha serie de reivindicacións para a prevención futura da contaminación mariña e para unha resposta máis áxil e transparente da Xunta de Galiza.

Unha das principais reivindicacións pasaría pola revisión do plano CAMGAL de resposta fronte contaminación mariña accidental. A súa activación actualmente depende da decisión política do goberno de quenda e non de causas técnicas ou obxectivas. Neste senso, cómpre revisar o procedemento de aplicación, así como activar un Comité Científico Permanente destinado a avaliar os riscos de futuros eventos contaminantes no mar no que estea representado o ecoloxismo galego, a través da Federación Ecoloxista Galega.

Outra das condicións esenciais dunha correcta xestión dos vertidos mariños, segundo ADEGA, é contar cunha información pública constante, rigorosa e veraz sobre accidentes/incidentes marítimos, así como da previsión ou evolución dos posíbeis vertidos, zonas afectadas, natureza dos residuos, etc.. Neste senso, ADEGA solicitoulle á conselleira de Medio Ambiente que poña a disposición do público xeral un portal web de información permanente, en tempo real ou cuase-real, sobre vertidos mariños e a calidade das augas,de xeito similar á que usa a Comisión Europea para informar dos lumes forestais, na plataforma web EFFIS (European Forest Fires Information System). A posta en marcha dun sistema de información en rede sobre este tipo de incidencias permitiría tamén que as ONGs e concellos recibamos as alertas ao mesmo tempo que os organismos administrativos responsábeis (Salvamento Marítimo -Ministerio, Consellaría do Mar, Medio Ambiente...) o que sería de grande axuda para organizar con tempo as eventuais accións de voluntariado que puideran ser necesarias, chegado o caso.

En terceiro lugar, ADEGA considera determinante que a Xunta amose e demostre unha absoluta vontade de colaboración e coordinación con outras administracións competentes, como os concellos ou o goberno do Estado, para afrontar coa maior celeridade e eficacia os labores de detección, vixilancia, control e eliminación dos vertidos contaminantes, sendo especialmente importante que nestes casos se poñan os intereses públicos e a preservación do ben común e do medio ambiente por diante dos intereses partidistas.

Un voluntariado formado e coordinado para combater o lixo mariño

En canto ao voluntariado ambiental, tamén se aprecian deficiencias de xestión e lentitude na resposta. A Xunta tardou en proporcionar á cidadanía dun protocolo de limpeza e dunhas instrucións claras actuación. Tampouco se dispoñen dos medios e recursos necesarios, deixando en mans de organizacións ecoloxistas a responsabilidade de informar ao voluntariado de como proceder adecuadamente para limpar as praias. O plano CAMGAL non publicou o seu protocolo para voluntariado en praias ata dez días despois de activarse, logo de que ADEGA publicase o seu, o que provocou que boa parte da marea de voluntarios e voluntarias que se achegaron nun inicio ás praias o fixeran de forma caótica e sen as  debidas precaucións para evitar maiores afeccións sobre as zonas a limpar e sobre a súa propia saúde. ADEGA propúxolle á conselleira establecer un acordo de colaboración para a custodia ambiental do litoral galego ao longo de todo o ano e unha xestión adecuada do voluntariado contra o lixo mariño, que permita concienciar e sensibilizar sobre a contaminación crónica dos nosos mares e praias.  Tamén lle solicitou apoio inmediato para favorecer a participación  ordenada do voluntariado que se ofrece a axudar diante da actual crise ambiental.

ADEGA advertiu a Ánxeles Vázquez do risco que o vertido de pelets plásticos ten para a preservación dos espazos naturais protexidos do litoral, e instou á conselleira a prestar especial atención a eses espazos nos labores de vixilancia, control e eliminación de microplásticos. Chamou a atención sobre a necesidade de priorizar as actuacións nas zonas de cría da píllara das dunas, unha especie protexida e vulnerable, que habita os areais galegos e que en mes e medio comezaría a criar nas dunas.

Outra das peticións de acción inmediata é que a consellaría de Medio Ambiente dea instrucións claras a todos os concellos litorais para que cesen no uso de maquinaria pesada para a limpeza das praias, xa que se estaría agravando a situación dos areais, ao soterrar os pelets, compactar a area das praias e retirar innecesariamente xunto cos residuos elementos naturais que son imprescindibeis para a biodiversidade litoral.

Vontade de colaboración con ADEGA

Pola súa parte, a Conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, acompañada pola Directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e a Directora Xeral de Calidade ambiental, Sagrario Pérez, informou a ADEGA sobre o alcance que están a ter os labores de limpeza promovidos pola Xunta nas praias galegas. Indicou que actualmente case 350 operarios  de Tragsa e persoal propio están a actuar en 62 areais, mais non puido concretar con exactitude a cantidade de residuos retirados, á espera de obter datos dos concellos. Vázquez transmitiu aos representantes de ADEGA a súa vontade de colaborar coa organización ecoloxista na coordinación e no apoio dos labores de limpeza con voluntariado.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal