Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / Todas / ADEGA advirte a eurodeputados, de visita en Galiza, a...

13-01-2024

ADEGA advirte a eurodeputados, de visita en Galiza, a necesidade de endurecer as normas contra a contaminación por plásticos

Nestes días, parlamentarias europeas visitan Galiza para coñecer a realidade da marea plástica nas nosas costas.  Esta mañá, o presidente de ADEGA, Roi Cuba, tivo a oportunidade de trasladarlle a Malte Galle, eurodiputado da Comision de Medio Ambiente e a Ana Miranda, eurodeputada do BNG, unha serie de reivindicacións mínimas para atallar novas crises ambientais provocadas por estes contaminantes. Ao encontro tamén asistiu a alcaldesa, Araceli Gestido. 

No decurso da súa visita, os membros do Parlamento Europeo puideron comprobar o desenvolvemento dos traballos de limpeza por parte do voluntariado coordenado por ADEGA na praia de Nerga (Cangas). Nun destes grupos de voluntarias, o presidente de ADEGA Roi Cuba trasladou aos MEPs as demandas da nosa organización para reducir a incidencia dos accidentes marítimos sobre os ecosistemas costeiros e os recursos mariños.

As demandas de ADEGA: pasados 20 anos do Prestige fica moito por facer

-A nível galego, o plano CAMGAL contra a contaminación mariña accidental que aprobou a Xunta é unha ferramente mellorábel: non designa, por exemplo, portos refuxio, e a súa activación depende dunha decisión política e non a circunstancias obxectivas. Mais con todo, o que se precisaría é que se activara rapidamente (é un plano de continxencias), para poñer en marcha as medidas precisas e evitar que a contaminación chegue á costa, xa que despois é moito máis difícil actuar contra ela. 
Neste senso, a información pública veraz sobre accidentes/incidentes marítimos e a previsión/evolución dos posíbeis vertidos, zonas afectadas, etc. debería permear aos organismos administrativos e estar dispoñíbel permanentemente para o público, en tempo real ou cuase-real, como acontece por exemplo cos lumes forestais, que se poden visualizar através da plataforma web EFFIS (European Forest Fires Information System) da Comisión Europea.
A posta en marcha dun sistema de información en rede sobre este tipo de incidencias permitiría tamén que as ONGs e concellos recibamos as alertas ao mesmo tempo que os organismos administrativos responsábeis (Salvamento Marítimo -ministerio, Consellaría do Mar, Medio Ambiente...) o que sería de grande axuda para organizar con tempo as eventuais accións de voluntariado que puideran ser necesarias, chegado o caso.

-No plano estatal, a resposta contra unha vertedura e a coordenación dos medios sería máis efectiva se dependera da administración autónoma e non do Ministerio. As competencias en vixianza e salvamento marítimo non están transferidas a Galiza o que introduce un chanzo administrativo máis na cadea de decisións que debería ser o máis curta posíbel, alén de supoñer unha fonte de posíbel liorta política, como foi o caso.

-No plano europeo, cómpre que actuar en dúas direccións: a nível ambiental, desenvolvendo un regulamento que considere a estes materiais (pellets e granzas plásticas) como substancias contaminantes no transporte mariño (nestes intres non o son) de cara a tomar medidas na súa manipulación, tratamento, envasado...; e polo que atinxe ao transporte, establecer medidas máis estritas de control no seu trafego para evitar no posíbel perdas accidentais.

-No plano internacional sería importante que a OMI (Organización Marítima Imternacional, dependente da ONU) modificara o convenio MARPOL para asignar aos precursores plásticos en forma de pellet, escama ou pó a categoría de mercadorías perigosas, para que tanto no empaquetado (máis resistente á rotura) como no etiquetado, carga, estiba e manipulación, as condicións foran máis estritas. Esta asunto comezou a discutirse nun comité de traballo en 2021 e aínda non se resolveu debido ás reticencias da industria química e as compañías de transporte marítimo.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal