Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / Todas / ADEGA pídelle ao Delegado do Goberno vontade de cooperación...

11-01-2024

ADEGA pídelle ao Delegado do Goberno vontade de cooperación e transparencia informativa

O presidente e secretario xeral de ADEGA, Roi Cuba e Froilán Pallín, respectivamente, reuníronse esta mañá co Delegado do Goberno, Pedro Blanco, para trasladarlle a fonda preocupación do movemento ecoloxista e da sociedade galega en xeral pola tardanza coa que o Estado e Xunta reaccionaron tras coñecer o vertido dos pellets de microplásticos, así como da falta de información e transparencia.

No encontro, ADEGA fíxolle ao Delegado do Goberno ás seguintes reclamas:

  • A inmediata intervención con barreiras anticontaminación ou outros métodos de contención desde o mar que eviten a continua chegada dos pellets a terra, onde son moi difíciles de recoller.
  • Especial vixilancia e control das entradas ás rías e aos espazos naturais protexidos.
  • Absoluta vontade de coordinación coa Xunta de Galicia e con outras administracións competentes.
  • A posta á disposición dos medios e recursos necesarios para eliminar a marea de pellets vertidos ao mar e apoiar as tarefas en terra.
  • Absoluta transparencia informativa sobre o alcance e impacto do vertido e sobre as súas repercusións para o medio ambiente, a biodiversidade, a pesca e a saúde das persoas.
  • Información actualizada e aberta ao público xeral a todo o relativo ao vertido de pellets de microplástico, o seu avance, impactos e riscos, o emprego de medios e zonas de actuación de vixilancia e control.
  • Maior vixilancia e control do transporte marítimo de mercadorías potencialmente tóxicas para a biodiversidade e o medio mariño.

O presidente de ADEGA, Roi Cuba, ofreceu á delegación do goberno a súa vontade de colaboración en todo aquilo no que a organización ecoloxista galega puidese axudar.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal