Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / Todas / 21 de xaneiro, Compostela: Manifestación nacional "EN...

10-01-2024

21 de xaneiro, Compostela: Manifestación nacional "EN DEFENSA DO MAR"

Unha manchea de organizacións profesionais do sector do mar das rías de Arousa e Muros-Noia xunto con entidades ecoloxistas vimos de convocar unha manifestación en Compostela para o vindeiro 21 de xaneiro.

Saída ás 12h da Alameda (Porta Faxeira)
Chegada e peche ás 14:30h na praza do Obradoiro

Contra as mentiras e o plástico, acude EN DEFENSA DO NOSO MAR !!

Repítense os erros do Prestige

Fronte a situación creada pola chegada masiva de materiais plásticos ás costas galegas e diante dos potenciais riscos para a saúde, o medio ambiente e os recursos pesqueiros, os colectivos asinantes queremos en primeiro lugar denunciar a tardanza e o desleixo das administración en facer fronte a esta ameaza.

Novamente, como xa acontecera na catástrofe do Prestige, tiveron que ser os colectivos cidadás e as persoas voluntarias as que en ausencia das institucións saímos ás costas a loitar contra esta marea plástica.

Denunciamos tamén a impunidade con que milleiros de toneladas de materiais tóxicos circulan todos os anos diante das costas galegas e a práctica indefensión do noso litoral fronte aos riscos derivados deste tráfico.

Reclamamos á Xunta de Galiza e ao Estado Español unha mínima coordenación para facer fronte ás consecuencias desta vertedura e unha maior transparencia na informació de como se usan os medios aéreos, marítimos e satelitais de oceanografía operacional no control do tráfico e seguemento dos vertidos, así como as medidas de intervención no mar para evitar a chegada dos residuos ás nosas costas.

Reclamamos tamén a máxima transparencia e información á cidadanía sobre a toxicidade dos materiais e os seus efectos sobre a saúde e os ecosistemas mariños. Reclamamos que se subministre ao voluntariado os medios de protección axeitados aos perigos dos materiais que manipulan e contentores específicos para a súa recollida.

En defensa do noso mar, mentiras e incompetencia NUNCA MÁIS !!

Unha situación crítica nas rías

Imaxe de Leandro Lamas

É xeral a situación de grande debilidade dos bivalvos e a forte mortandade ocasionada por unha confluencia de factores: suba da temperatura, debilitamento do afloramento e menos plancto con menor renovación das augas das rías, e portanto un maior impacto da contaminación e das baixadas de salinidade ocasionadas pola falla de regulación dos encoros.

-Despois de anos reclamándolle á Administración que realice un estudo interdisciplinar independente que nos permita un diagnóstico integral da situación.
-Despois de levar anos reclamándolle á Administración un Plan serio de rexeneración dotado economicamente.
-Diante do silencio e a pasividade da Administración que ten todas as competencias, a Consellería do Mar, que deixou apodrecer a situación sen tomar medidas.
-Diante da falla de solucións aos nosos problemas e ao abandono dos mariscadores e mariscadoras que quedan sen traballo e sen poder facer fronte ás necesidades das súas familias.

DEMANDAMOS que a Xunta actúe xa, publicando no DOGA un plano urxente de actuación que inclúa:
1. Estudo interdisciplinar, independente e integral.
2. Plan de rexeneración dotado economicamente.
3. Regulación e publicidade do protocolo de desencoros.
4. Cobertura a TODO o sector do mar mentres se manteña o cese de actividade.
5. Un plano de actuación contra as verteduras ao mar e aos ríos.
6. Control sanitario das importacións de marisco.


Este 21 de xaneiro en Compostela (12h Alameda, 14:30h Obradoiro) ACUDE EN DEFENSA DO NOSO MAR !!

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal