Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / Todas / Lei de beneficios sociais: outra norma para lavar a cara ao...

13-10-2023

Lei de beneficios sociais: outra norma para lavar a cara ao lobby eólico, mineiro e pasteiro

Esta lei ónibus deseñada para o "greenwashing" de enerxéticas, mineiras e pasteiras, pretende compensar á sociedade polos danos ambientais destes proxectos mais o que consegue é adicarlles máis cartos públicos e criar máis inseguridade xurídica.

A priori, a idea de incorporar unha avaliación social dos proxectos que aproveitan os recursos naturais para asegurar un retorno dos seus beneficios á veciñanza da contorna onde se implantan, non só é interesante senón tamén necesaria. Tamén a necesidade de avaliar o impacto de proxectos eólicos e mineiros sobre os servizos ecosistémicos (de soporte, aprovisionamento, regulación, culturais...) é unha demanda histórica do movemento ecoloxista.
Porén, a Xunta convirte esta idea nun conxunto de determinacións soltas que abranguen dende o canon eólico aos lumes, residuos, autoconsumo industrial, sen esquecer a participación en sociedades mixtas e o suposto cerne da norma, a integración dunha avaliación social e económica dos proxectos nos procedementos de autorización e avaliación ambiental.

Máis cartos públicos para as empresas a cambio de nada

A Xunta non contempla a criazón de empresas públicas con obxectivos de beneficio social para competir coas promotoras privadas na explotación dos recursos naturais, senón que a segue a limitar: elimina a porcentaxe mínima (10%) para participar nas empresas mixtas mais non aumenta a máxima, de xeito que esta nunca poderá superar o 50% para así poder controlar públicamente a entidade.
Este feito xeraliza unha caste de subvención encoberta ao inxectar cartos públicos en corporacións privadas pola vía da participación da Xunta (obrigatoriamente minoriraria) no accionariado, alén das axudas e prebendas públicas que poderán recibir os proxectos en función do seu "especial interese social e económico".

Canon á eólica mariña e promoción do autoconsumo industrial

A administración pretende gravar as conducións eléctricas dos futuros parques eólicos mariños cun novo canon. Porén, a proposta impositiva da Xunta  atinxe unicamente ás infraestruturas de evacuación e transformación da enerxía eólica mariña unha vez que tocan terra. Nada se di de gravar os treitos submariños polas augas de competencia autonómica (augas interiores), lugares no que se producen os maiores impactos sobre caladoiros de baixura e bancos marisqueiros.
Asemade, a Xunta perde unha boa oportunidade para reformular o actual canon eólico terrestre, que segue a devengarse por muíño instalado e non por potencia, produción ou impacto ambiental, de feito que cos novos parques máis potentes e menos unidades, así como cos repotenciamentos, o canon (e o fondo de compensación ambiental que reciben os concellos) vai a menos.
Miopía interesada tamén á hora de promocionar o autoconsumo enerxético con renovábeis: só para as empresas, esquecendo comunidades enerxéticas, comunidades de montes, concellos...

Greenwashing para pasteiras, eólicas e mineiras cos créditos de carbono

A Xunta pretende favorecer proxectos e actividades dirixidas a incrementar a absorción de carbono e a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro, mediante a regulación dun mercado voluntario de créditos de carbono. A ferramenta dos créditos de carbono podería ter sido unha boa idea se non servira (como foi finalmente) para que as empresas contaminantes mercadearan con eles, pagando para seguir a producir contaminación. Foi pois un sistema parcialmente fallido que a Xunta quere recuperar para que empresas como mineiras ou ENCE fagan máis atractivos os seus proxectos, compensando con capturas de C as súas desfeitas, en lugar de evitar facelas. Mesmo pode darse o paradoxo de que ENCE siga a contaminar "compensando" as súas emisións mediante a plantación de... máis eucaliptos!
A Xunta pretende tamén colleitar financiamento privado para os proxectos de recuperación ambiental de zonas queimadas mediante a criazón dun fondo: poderemos ver a ENCE achegando cartos para recuperar os montes queimados que eles mesmos seguirán a inzar de especies pirófilas...

O impacto social e económico non pode incluirse na avaliación ambiental dun proxecto

A inclusión da valoración dos aspectos sociais e económicos na avaliación dun proxecto, con vistas a declaralo "de especial interese social e económico" ou "de interese galego" é algo positivo. Porén, para aqueles proxectos sometidos a AIA (Avaliación de Impacto Ambiental), o procedemento está regrado na Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental e non permite o encaixe dun "estudo de impacto social e económico" separado do procedemento, que debe concluir cunha única DIA (Declaración de Impacto Ambiental) redactada consonte ao art. 41 da antedita norma.

A Xunta pode pedirlle este tipo de "estudo" ás empresas e usalo para valorar a idoneidade dos proxectos (a declaración de "especial interese social e económico", ou "interese autonómico" etc.) mais non o seu impacto ambiental xa que segundo a Lei estatal, a DIA que emita ten que recoller valoracións exclusivamente ambientais.
Xa que logo, o Capítulo II enteiro (arts. 8 a 13) da proposta de Lei é un brinde ao sol: a Xunta non pode usar como excusa os favorables impactos sociais e económicos dun proxecto para emitir unha DIA, unicamente debe considerar os ambientais. O contrario non só conculca a Lei estatal e a Directiva europea de avaliación ambiental, senón que introduce unha preocupante inseguridade xurídica para as empresas que vexan autorizados os seus proxectos consonte á nova norma que a Xunta pretende aprobar.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal