Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / Todas / Apoio á declaración oficial do eucalipto como especie...

21-09-2023

Apoio á declaración oficial do eucalipto como especie exótica invasora

Hoxe, 21 de setembro, Día Internacional contra os Monocultivos de Árbores, varias entidades ecoloxistas e conservacionistas de Galiza solicitamos a catalogación do eucalipto como especie exótica invasora.

Desde ADEGA apoiamos o manifesto elaborado polo Grupo Naturalista Hábitat nesta data conmemorativa co obxectivo de poñer unha vez máis de relevo a dimensión do problema do monocultivo de eucaliptos en Galiza e noutros lugares do norte da Península Ibérica.

O manifesto, que acolle dez puntos, reclama que as árbores do xénero Eucalyptus sexan catalogados oficialmente como especies exóticas invasoras a nivel español. Alén de ADEGA, apoiaron tamén este manifesto a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Federación Galega de Ecoloxistas en Acción, a Federación Ecoloxista Galega (FEG), o grupo local da Sociedad Española de Ornitología en Pontevedra (SEO/Pontevedra) e Brexa Custodia do Territorio.

Manifesto

As entidades asinantes, todas elas preocupadas polos nocivos efectos ecolóxicos dos monocultivos de eucaliptos a nivel galego (e tamén en territorios próximos), manifestamos:

1.- Que a expansión dos monocultivos das árbores do xénero Eucalyptus en Galicia é un dos tres principais problemas ambientais de Galiza. Asturias, Cantabria e o País Basco, ademais do veciño Portugal, teñen tamén problemáticas similares coa expansión do eucalipto.

2.- Que existe na Galiza unha industria forestal, baseada principalmente na plantación masiva de eucaliptos, que é insostible ambientalmente, e cuxo impacto ambiental é negado sistematicamente tanto polo sector forestal como, sorprendentemente, pola propia Xunta de Galicia.

3.- Que, segundo o ditame unánime e ben argumentado cientificamente do Comité Científico do antigo Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (ano 2017), todas as especies de Eucalyptus naturalizadas en España deben ser incluídas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, polo seu carácter invasor e capacidade transformadora del medio (Apéndices A e B).

4.- Que o Goberno do Estado español rexeitou dita inclusión empregando como argumento un único informe dun académico con vínculos coa pasteira ENCE, beneficiaria última da non catalogación dos eucaliptos como invasores en España (Apéndice C).

5.- Que recursos e iniciativas posteriores para lograr a aplicación do ditame do devandito Comité Científico, e incluír aos eucaliptos como invasores, foron infrutuosas (Apéndice D e E).

6.- Que existen novas evidencias do carácter invasivo do xénero Eucalyptus, publicadas despois de 2017. Entre elas, varios artigos científicos recentes, sen declararse conflitos de intereses, que corroboran a capacidade invasora dos eucaliptos en matogueiras e bosques de ribeira, mesmo en zonas protexidas, en España e Portugal (Apéndice F).

7.- Que, a pesar das evidencias, sectores próximos aos monocultivos de eucalipto en Galiza seguen a publicar artigos sobre as supostas “bondades” destas árbores exóticas, obviando ou negando o seu carácter invasor. Hai, de novo, indicios de conflitos de interese, nos que os triángulos eucalipto-ENCE-universidade e eucalipto-ENCE-centros de investigación son doadamente trazables (Apéndices G e H).

8.- Existe unha urxencia na declaración dos eucaliptos como invasores, para diminuír o risco de grandes incendios amparados na moito maior inflamabilidade dos monocultivos de eucaliptos comparados coas frondosas caducifolias (Apéndice I).

9.- Dita deseucaliptización, unido a medidas de restauración de hábitats, propiciará a recuperación da biodiversidade, dos solos e das augas subterráneas (Apéndices J, K e L).

10.- Por último, confirmar a necesidade de iniciativas tanto de presión para frear as políticas de monocultivos actuais como de deseucaliptización activa (Apéndice M).

Consulta os apéndices AQUÍ.

Ligazóns

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal