Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Cementos COSMOS contra Marcos Celeiro: Defender a...
05-05-2015
Este 7 de maio xúlgase en Vigo a Marcos Celeiro, veciño de Triacastela e membro da Asociación Socio-Cultural do Iribio, denunciado por COSMOS por atentar contra a "honra" da cementeira. ADEGA solidarízase con Marcos e lembra que a actividade de COSMOS, denunciada por ADEGA na Fiscalía por non contar con licenza e incumprir as condicións da concesión, ameaza á Cova de Eirós, santuario do Paleolítico galego: quen atenta pois contra quen?
COSMOS reclama ao activista 45.000€ en compensación por "atentar contra a honra, imaxe de marca e prestixio profesional" da empresa. Marcos, como tamén ADEGA, difundíu as súas opinións sobre as irregularidades cometidas pola empresa através das redes sociais, en uso da liberdade de expresión. No caso de ADEGA mesmo chegamos a denunciar na Fiscalía Ambiental do TSXG á empresa por carecer de licenza, incumprir as condicións dos permisos e presuntamente, danar un valiosísimo patrimonio histórico e arqueolóxico.
A estratexia dos poderosos grupos industriais é aillar ás persoas para facerlas mais vulnerábeis, na cosnciencia de que así sementan o medo e a inhibición da viciñanza para actuar contra as agresións aos seus dereitos. Toman a Terra por súa sen ningunha consideración para o común nen respeito polos valores culturais e naturais que destrúen.
Mais neste caso a táctica de COSMOS amosouse errada: nunha entrevista con ADEGA a petición da empresa, xusto despois de ser denunciada na Fiscalía, COSMOS insistíu no cumprimento da lei (curiosamente días despois a licenza municipal coa que traballaba foi revogada). Falou de transparencia e vontade de diálogo, mais negouse a retirar a demanda contra Marcos e outros veciños que tamén foran denunciados.
Dende ADEGA preguntámonos: que resulta millor para a "honra" dunha empresa e beneficia máis á súa imaxe pública, as denuncias selectivas e a persecución contra veciños e activistas, ou o cumprimento da lei, a xenerosidade no trato e o respecto polo noso patrimonio natural e cultural?
Na web de Votorantim, matriz de COSMOS, hai numerosas referenzas ao desenvolvimento sustentável, mesmo Cementos Cosmos presume de “respetar el pasado para construir el futuro”. Grande ironía para unha empresa que coa súa actividade pode destruir as pegadas mais antigas que a humanidade deixou en Galiza. Non calar fronte a iso non só é un dereito, é unha obriga. Porque defender a Terra non é delicto, solidarizámonos con Marcos Celeiro e convocamos a manifestarlle o noso apoio fronte aos xulgados de Vigo este xoves 7 de maio entre as 9:30 e as 11h.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal