ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Atopan un vertedoiro de lixo pirata soterrado en...

02-07-2014

Atopan un vertedoiro de lixo pirata soterrado en pleno Parque das Fragas do Eume

Lumes, eucaliptos, minas e ceo aberto, encoros... E agora, un vertedoiro pirata. As Fragas do Eume, un dos nosos espazos protexidos máis emblemáticos, amosa outra volta as consecuencias dunha caótica xestión. Nos espazos protexidos vale todo!

A Comunidade de Montes de Ombre, en Pontedeume, vén de denunciar a aparición dun vertedoiro de lixo soterrado en pleno Parque natural das Fragas do Eume. Ao parecer, no proceso de inspección dunhas parcelas forestais certificadas co selo FSC apareceron restos de electrodomésticos. Ao tentar removelos resulta que só eran a punta do iceberg: no lugar, situado a carón dunha vella canteira en pleno Parque Natural das Fragas do Eume, ficaban soterrados e cubertos polo mato toneladas de refugallos urbanos, mesmo tóxicos e perigosos.

Segundo contan os comuneiros, no antigo e próximo vertedoiro municipal hoxe selado, as autoridades daban orde de "facer sitio" para acoller máis lixo. O resultado: moreas de residuos estrados nos montes que acabaron cubertos pola vexetación. Lixo que non se ve, lixo que non existe!

Concello de Pontedeume e Parque Natural pásanse a bóla

A Comunidade de Montes de Ombre puxo o asunto en coñecemento do concello de Pontedeume e da dirección do Parque Natural, alén de denuncialo ao SEPRONA, co obxectivo de retirar e tratar axeitadamente estes refugallos.

Dende o concello, que xestionaba o antigo vertedoiro, desviaron a responsabilidade a quen depositou o lixo nese lugar (curiosamente seguindo instrucións municipais), esixindo aos comuneiros que identificaran aos infratores. Pola súa banda, a dirección do Parque Natural está a "estudar o tema". A única resposta clara que recibíu a comunidade de montes de Ombre foi a de "non avisar aos ecoloxistas"...

Dende ADEGA coidamos que isto é algo máis que un caso puntual. Evidencia o desleixo das administracións polo coidado do noso patrimonio natural máis valioso. No caso das Fragas do Eume, 17 anos despois da aprobación do parque, o espazo protexido aínda está sen PRUX (Plano Reitor de Uso e Xestión) malia ser unha obriga legal e estar rematado dende 2011.

Evidencia tamén o medo que teñen as administracións a que os ecoloxistas "descorran o pano" e deixen en evidencia as ilegalidades, as corruptelas e o desleixo na xestión dos nosos espazos protexidos.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal