ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Centrais de bombeo en Brión: até 150 anos co río...

07-03-2023

Centrais de bombeo en Brión: até 150 anos co río Tambre secuestrado

ADEGA vén de achegar a Augas de Galiza as súas consideracións aos proxectos de central reversíbel en caverna con balsa artificial de máis de 300 MW, para bombear e turbinar auga do encoro Barrié de la Maza. Autorizar esta concesión suporía fosilizar o encoro do Tambre xestionado por Naturgy e alongar o curtocircuito do río até os 150 anos. A maior parte destes proxectos, coa excusa de impulsar as renovábeis e dar estabilidade ao sistema, non pretenden outra cousa que lucrarse especulando co prezo da electricidade.

As promotoras dos dous proxectos presentados “Green Capital Power” e “Espiral renovables” solicitaron a Augas a concesión 121,80 m3/s e 128.19 m3/s para producir enerxía, proxecto que logo do trámite autonómico debe autorizar o Estado. Para xustificar as súas iniciativas invocan o “Plan Nacional Integrado de Energía y Clima 2021-2030” (PNIEC) e contribuir así a acadar os obxectivos de redución de emisións e penetración das renovábeis.  Porén, esquecen que no que atinxe ás actuacións derivadas do PNIEC que se desenvolvan en masas de auga, quer os bombeos hidráulicos ou a implantación de sistemas de almacenamento con tecnoloxía de bombeo hidráulico, o plano recolle de xeito textual que “os bombeos hidráulicos terán que cumprir o disposto no plano hidrolóxico e en todo caso situaranse fóra da Rede Natura 2000 e/ou espazos protexidos, por canto son proxectos con impactos moi importantes como modificacións morfolóxicas de canles e ribeiras, así como perda de biodiversidade.”

Incumprimento do Plano Hidrolóxico

Polo que atinxe ao Plano Hidrolóxico (bacías de Galiza-Costa), está vixente o do ciclo 2021-2027 aprobado o pasado 24 de xaneiro. Neste documento, e para masa de auga “Encoro Barrié de la Maza” (ES.014.MR.204.000.05.00) que actuaría como depósito inferior, indícase que o seu estado ecolóxico non cumpre coas determinacións establecidas (Obxectivos Medio-Ambientais, OMA) para os parámetros de fósforo e transparencia. Trátase dunha masa de auga que leva en mal estado ecolóxico tres ciclos de planificación consecutivos, dende 2009 a 2022. E Augas de Galiza acordou no instrumento de planficación de bacía para o vixente ciclo a prórroga do cumprimento destes OMAs até 2027.

Nen as concesións solicitadas nen os proxectos que pretenden beneficialas teñen sido valorados no Plano Hidrolóxico da bacía, e poderían comprometer a consecución dos obxectivos medio-ambientais, cuxo cumprimento ten sido xa por dúas veces prorrogado pola Xunta para o e Encoro Barrié de la Maza. E lembramos que no vixente Plano Hidrolóxico os usos ambientais prevalecen sobre os hidroeléctricos. Unha eventual terceira prórroga debida ás distorsións introducidas pola nova concesión solicitada resulta xa que logo inaceitábel e apontaría a unha grave irresponsabilidade e mesmo neglixencia por parte da administración hidráulica.

Afeccións a espazos da Rede Natura 2000

Polo que atinxe aos espazos protexidos, os proxectos presentados afectan directamente ao espazo da Rede Natura 2000 ZEC “Esteiro do Tambre” (ES1110011), situado inmediatamente augas abaixo do encoro Barrié de la Maza. Afectarían tamén de xeito indirecto á ZEC “Río Tambre” (ES1110016) augas arriba do antedito encoro. Asemade, a proposta de ampliación da RN2000 que a Xunta de Galiza presentou no COGAMADS no ano 2008, pretendía o alongamento do LIC “Río Tambre” das actuais 583 até as 1148,151 hectáreas. As demandas hídricas dos aproveitamentos solicitados modificarán substancialmente o balanzo hídrico de toda a bacía do Tambre tanto augas arriba como augas abaixo afectando a dúas ZEC da Rede Natura 2000, e dificultando a consecución dos obxectivos de conservación para estes espazos. Outra volta, incúmprense os condicionados ambientais do PNIEC.

Un río secuestrado 150 anos para maior gloria do negocio eléctrico

As empresas peticionarias reclaman un prazo de concesión de 75 anos para os seus aproveitamentos. No encoro Barrié de la Maza, que necesariamente funcionaría como depósito inferior, hai vixentes tres concesións para usos hidroeléctricos: Tambre I, Tambre II e unha minicentral a pé de vaso, todas de Naturgy. A primeira (Tambre I) ten de vixencia até o ano 2031 e a segunda (Tambre II) até 2048. Tendo en conta isto, a concesión dun novo aproveitamento para unha central reversíbel alongaría de facto até o 2098 a permanencia do encoro Barrié de la Maza moito máis aló do prazo máximo concesional do seu aproveitamento máis lonxevo, o Tambre II. Deste xeito o río Tambre podería ficar até 150 anos curtocircuitado (dende 1948 até o 2098), o que contraviría a Directiva Marco e a vixente lexislacíón de augas.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal