ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA celebra o Día Mundial dos Océanos cunha...

08-06-2020

ADEGA celebra o Día Mundial dos Océanos cunha limpeza de praias

Un ano máis ADEGA organiza unha limpeza de praias para celebrar o Día Mundial dos Oceános, hoxe, 8 de xuño de 2020. Por mor da Covid-19, desta volta, a limpeza será realizada por parte da equipa de Educación Ambiental de ADEGA, pois ata o momento non se poden realizar actividades de voluntariado masivas nos espazos naturais. Para evitar riscos innecesarios, a equipa de ADEGA respectará todas as medidas sanitarias e de precaución oportunas, levando máscaras e luvas e mantendo sempre a distancia de seguridade  interpersoal.

Neste Día Mundial dos Océanos, ADEGA recollerá refugallos que atope nos areais de Cabío e da Corna, da Pobra do Caramiñal. Como todos os anos, o obxectivo desta xornada e desta actividade  será o de eliminar parte dos residuos que están nas praias así como facer unha chamada de atención sobre o lixo que acaba nos nosos areais e ecosistemas mariños. ADEGA tamén aproveitará para  comprobar se hai presenza da píllara das dunas nestes areais e cal está sendo a evolución das especies exóticas invasoras, xa que hai anos se desenvolveran traballos de preservación da píllara das dunas e de eliminación de exóticas invasoras na zona.

Causas e consecuencias do lixo mariño

As principais causas desta problemática ambiental son a insustentabilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, as malas estratexias na xestión dos residuos e a falta de sensibilización da poboación. Todo iso fai que cada ano rematen nos océanos 10 millóns de toneladas de lixo.

Este ano observamos que moito do lixo que chega ás nosas costas son máscaras e luvas que durante a crise sanitaria nos vemos obrigadas a utilizar diariamente e cuxo uso aumentou exponencialmente nos últimos meses. Moitas destas luvas e máscaras acaban ciscadas na contorna e fóra dos circuítos adecuados de tratamento, ao non ser depositados nos colectores correspondentes. Desde ADEGA cústanos entender como, a sabendas dos riscos que comporta unha mala xestión destes residuos, sigan dándose este tipo de accións irresponsables, non xeneralizadas, pero preocupantes. Así pois, a problemática da contaminación mariña acada, se cabe, maior intensidade nestes tempos.

Os residuos que acaban nos mares e océanos teñen graves consecuencias para a os ecosistemas mariños, pois máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño. E poden afectar de forma directa á saúde humana, xa que moitos destes refugallos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria e chegan ás persoas.

Outra das consecuencias desta problemática ambiental é que xera grandes perdas económicas, ao facer diminuír as poboacións de pesca comercial, ao resultar degradantes de zonas destinadas ás para actividades recreativas e turísticas, ou ao requirir un enorme investimento para manter as praias en condicións ambientais e de uso óptimas.

Dende ADEGA agardamos que a crise sanitaria tamén contribúa a concienciar a sociedade sobre a gravidade da problemática do lixo mariño e da necesidade de reforzar a xestión ecolóxica dos nosos residuos e de reducir o consumo. Así mesmo, facermos un chamamento particular ás persoas para que depositen os refugallos de máscaras e luvas nos colectores correspondentes e que procuren o uso, preferiblemente, de máscaras reutilizables.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal