19-01-2020
O proxecto da cidade deportiva do Celta de Vigo en Mos ten previsto expropiar 864.000 metros cadrados de monte, dos cales a metade corresponden a monte en man común. O fin último desta expropiación é ceder os terreos ao presidente do Club Celta de Vigo, quen construirá un centro comercial de 120.000 metros cadrados, alén das dotacións deportivas.
Estamos polo tanto ante un proxecto especulativo e de expropiación do monte comunal que corresponde cun modelo e cunha lóxica caduca e errada de ocupación do territorio, a cal non favorece a mobilidade sostible, causa un gran impacto ambiental e actúa como barreira ecolóxica ao desfragmentar máis os ecosistemas.
Desde ADEGA opoñémonos a este proxecto especulativo, motivo polo cal asinamos e apoiamos, xunto con máis entidades do ecoloxismo galego, o manifesto da veciñanza comuneira de Tameiga para pedir a paralización da cidade deportiva de Vigo en terreos do monte comunal.
Tamén desde ADEGA presentamos alegacións á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que dá vía administrativa ao proxecto da cidade deportiva do Real Club Celta de Vigo e do megacentro comercial en Mos foi e que foi aprobado o pasado mes de setembro.
Co fin de facer un acto de entrega colectiva das alegacións á modificación do PXOM, a veciñanza de Mos, a través da plataforma A auga é vida, convoca a toda a cidadanía e ás organización ecoloxistas e sociais, a un acto que terá lugar o 22 de xaneiro, ás 10:00h, na praza do concello de Mos.
Durante este acto, presentarase públicamente o manifesto O monte é vida e non un lugar para especular!
Agardámoste!
ADEGA, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción Galiza, Verdegaia, Extinction Rebellion Vigo, EQUO Galicia, Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo, Plataforma Salvemos O Iribio, Fundação Montescola, Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán, Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, A.S.C Vagalume, Marcha Mundial das Mulleres
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal