ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Caza indiscriminada do raposo en Triacastela,...

15-01-2020

Caza indiscriminada do raposo en Triacastela, pese a ser o depredador natural da rata-toupe

ADEGA vén de solicitar ante a Consellaría de Medio Ambiente e a Consellaría de Medio Rural a suspensión inmediata do Campionato galego de caza do raposo que, previsiblemente, se celebrará este sábado, 18 de xaneiro, nos concellos lucenses de Láncara e Triacastela. ADEGA denuncia unha vez máis que este tipo de actos anacrónicos, crueis e irracionais, non se poden seguir substentado en pseudo-informes da Federación Galega de Caza ou estudos obsoletos sobre a densidade da poboación galega de raposos. A día de hoxe non existe ningunha fundamentación obxectiva, científica ou técnica que xustifique a autorización ano tras ano da caza indiscriminada do raposo en Galiza.

Mais, desta volta, ADEGA observa se cabe con maior estupor como a Xunta autoriza o desenvolvemento do campionato en Triacastela, nun dos concellos das serras orientais galegas actualmente máis afectados pola explosión demográfica da rata-toupe (Arvicola terrestris ou Arvicola sherman). Esta especie de roedor, malia que é autóctona, está a ser maldenominada “praga” pola especial expansión que está a sufrir a súa poboación desde o pasado mes de novembro nas serras orientais. Segundo a Consellaría de Medio Rural, a actual expansión da poboación da rata-toupe (un fenómeno que se produce cada certo tempo de forma natural) está a xerar importantes danos nos cultivos e prados de 8 concellos da montaña lucense, incidindo xa nunha superficie superior a 1.600 ha. Diante desta situación, resulta curioso que, mentres a Consellaría de Medio Rural anuncia investimento e medidas para o control da proliferación desta especie de roedor, pola súa banda, a Consellaría de Medio Ambiente estea a autorizar na zona afectada a caza indiscriminada do raposo, o depredador natural deste roedor.

O raposo, necesario contra a rata-toupe e a enfermidade de Lyme

Por outra banda, como xa ten advertido ADEGA, o raposo cumpre en Galiza un especial papel na prevención contra a expansión da enfermidade de Lyme, ao ser un excelente depredador de animais, como poden ser estas ratas-toupe, nos que se hospedan os carrachos infectados coa bacteria Borrelia burgdorferi causante da doenza. Así pois, a eliminación indiscriminada de raposos repercutirá, inevitablemente, no aumento do risco de propagación da enfermidade de Lyme e, moi especialmente, naquelas zonas nas que se ten constatada unha expansión masiva da poboación da mesofauna, como é o caso do concello de Triacastela.

Neste contexto, ADEGA reclama ante a Subdirección Xeral de Biodiversidade e recursos cinexéticos de Medio Ambiente e ante a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura de Medio Rural a suspensión inmediata do Campionato galego de caza do raposo previsto para este sábado nos concellos de Triacastela e de Láncara. Tamén que rexeiten de forma sistemática a autorización deste tipo de campionatos, que incluso xa están a ser motivo de discrepancias técnicas no seo interno da administración.

Segue sen haber transparencia

Por outra banda, ADEGA reitera que este tipo de campionatos incumpren flagrantemente os principios reitores que introducen a lei 13/2013 de caza de Galiza, que se basean na “protección, conservación, fomento e aproveitamento ordenado dos recursos cinexéticos”. Esta mesma norma establece a obriga a realizar Plans de ordenación cinexética para un aproveitamento ordenado das especies, cuestión que non se cumpre no caso dos campionatos de caza indiscriminada.

Así mesmo, desde ADEGA lamentamos que a Federación Galega de Caza e a Xunta de Galicia sigan ocultando información sobre os lugares e datas nos que están previstos ou solicitados este tipo de campionatos de caza, incumprindo a obriga de publicitar adecuadamente estes eventos e advertir a cidadanía dos riscos que estes comportan.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal