Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA-Lugo inaugura o seu programa de roteiros...
28-10-2019
ADEGA-Lugo presenta unha nova oferta de roteiros para coñecer o medio ambiente e o patrimonio natural e cultural do país para este curso 2019-2020. Baixo o título de "Tecendo Redes" propón un programa de 9 roteiros desde o mes de novembro ata o mes de xuño de 2020, que dirixe a todo tipo de públicos e que xa acada a súa vixésimo segunda edición. Polo xeral, realizarase un roteiro por mes e en domingo.
A través dos roteiros "Tecendo Redes" ADEGA trata de poñer en valor a importancia que ten para a defensa do medio ambiente e do patrimonio a colaboración, sinerxías, e redes que se tecen entre os distintos colectivos sociais, ben sexan ecoloxistas, culturais, veciñais, sectoriais, etc. Por isto, para o desenvolvemento destes roteiros contarase coa colaboración de diversos colectivos locais de diverso carácter cos que ADEGA mantén relación e ten tecido rede que nos guiarán e acompañarán en todas estas rutas.
Durante as andainas, ademais de gozar da paisaxe, do contacto coa natureza e da compañía de todas as persoas participantes, tamén se porá en coñecemento o extraordinario labor que desenvolve cada unha destas entidades na súa localidade ou zona de influencia, de cara a divulgar, preservar ou poñer en valor o seu patrimonio natural e cultural. Estas entidades de carácter local realizan un labor e representan unha función na defensa do patrimonio común e colectivo que merece ser reivindicada e divulgada. Ademais, elas serán as guías dos roteiros de ADEGA-Lugo deste curso.
O primeiro roteiro deste curso terá lugar o domingo, 3 de novembro, na Serra do Iribio (Samos, Triacastela), nas montañas do Courel, onde precisamente a acción colectiva e de rede entre distintos colectivos ecoloxistas, culturais e veciñais que se aglutinan na plataforma Salvemos O IRibio, veñen de conseguir que as obras do parque eólico de Fergo Galicia Vento SL se paralizasen temporalmente. Malia a todo, a loita continúa para evitar que as máquinas volvan pisar este espazo natural protexido chave para a recuperación do Oso Pardo en Galiza e que forma parte da Rede Natura e do BIC Camiño de Santiago Francés. A continuación, indícanse cales van ser os destinos dos roteiros de ADEGA-Lugo para este curso 2019-2020.
Na propia web de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a túa reserva.
As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 14:00 do mércores anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.
Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.
A saída do autobús terá lugar ás 8.00 ou ás 9.00 horas da mañá, dependendo da proximidade do destino, fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro.
Os roteiros serán de xornada completa. Recoméndase aos participantes levar roupa e calzado axeitados e viandas para o camiño.
Para máis información, tamén se pode chamar aos teléfonos 982240299 (local) ou 677800293 (Lucía).
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal