ADEGA

Inicio / Buscador / Nace a plataforma Salvemos o Iribio para defender...

27-08-2019

Nace a plataforma Salvemos o Iribio para defender a serra courelá das instalacións eólicas

Lugo, a 27 de agosto de 2019.- Entidades ecoloxistas, culturais, veciñais e políticas, e persoas a nivel particular, veñen de constituír a plataforma “Salvemos O Iribio” coa finalidade de defender a Serra do Iribio das obras dun Parque Eólico e das instalacións electromecánicas asociadas, como é a Liña de Alta Tensión "Serra do Oribio". Esta mítica montaña forma parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) Ancares-Courel, da Rede Natura 2000, e sitúase dentro do Ben de Interese Cultural (BIC) Camiño de Santiago Francés, ademais de estar inserida na proposta de declaración da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e Courel. A Serra do Iribio é o monte que conserva o maior imaxinario máxico do Courel, agochando neste enclave un amplo patrimonio inmaterial, polo que ademais discorre o antigo Camiño Real, que empregaban os arrieiros para acceder á Meseta desde Galicia, ao que acompaña un extenso inventario de bens patrimoniais de carácter arqueolóxico e histórico-cultural que xa foi en parte destruído polas obras irregulares do parque eólico.

Esta plataforma constitúese co principal obxectivo de facer valer a legalidade vixente que prohíbe a instalación de novos parques eólicos en zonas de Rede Natura 2000. O proxecto eólico definitivo "Serra do Oribio" aprobado por Acordo do Consello da Xunta o pasado 27 de xuño e publicado no DOG o pasado 14 de agosto vulnera, por tanto, a lexislación vixente e non pode facerse efectivo.O proxecto estaría contravindo, cando menos, o artigo 60 do Plan Director da Rede Natura, aprobado polo Decreto 37/2014, do 27 de marzo, así como o artigo 32 da Lei 8/2009 do aproveitamento eólico de Galicia. Do mesmo xeito, a Liña de Alta Tensión asociada a este parque eólico e aprobada pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas o pasado 13 de febreiro tamén sería contraria á lexislación vixente. En contra destas disposicións, a plataforma Salvemos O Iribio presentará todos cantos recursos sexan pertinentes.

Esta plataforma procurará tamén por todos os medios posibles a paralización das obras en execución que vulneran a lexislación vixente e que están a destruír gran parte dos valores naturais e ecolóxicos, histórico-culturais e patrimoniais da Serra do Iribio, danos que, nalgúns casos, xa son irreparables. A pesar de que o proxecto eólico definitivo aprobado aínda foi publicado pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia o pasado 14 de agosto no Diario Oficial de Galicia, a empresa promotora, Fergo Galicia Vento S.L. xa iniciara as obras de xeito irregular o pasado mês de maio, conseguindo eliminar xa grandes áreas naturais con presenza de hábitats comunitarios, gran parte do Camiño Real, un antigo neveiro, e poñer em serio risco de preservación a mámoa do Fial. Pese a terse verificado tal desfeita ambiental e cultural por parte das autoridades compententes e que as obras estiveron temporalmente paralizadas tras a denuncia dos colectivos ecoloxistas, a empresa conseguiu retomalas, coa conivencia da Xunta e dos Concellos de Samos e Triacastela, sen que, inexplicablemente, ningún deles tivese demandado responsabilidades à empresa polos danos efectuados. Pola contra, veñen de premiar o seu despotismo e falta de respecto á legalidade co levantamento da paralización cautelar e a aprobación definitiva do proxecto.

Por outra banda, tanto a Xunta como o Concello de Samos están a permitir a execución das obras dos camiños de acceso ao parque eólico por un trazado diferente ao previsto no proxecto eólico que tamén atravesa a zona de Rede Natura e a zona de amortecimento do BIC Camiño de Santiago Francés. As obras deste trazado, por tanto, son tamén totalmente irregulares, pois carecen da preceptiva autorización da Dirección Xeral de Enerxía e Minas e non foron sometidas á necesaria avaliación de carácter ambiental e cultural, ademais de pretender eludir a avaliación dos efectossinérxicos e acumulativos do conxunto do proxecto sectorial.

Por tanto, “Salvemos O Iribio” tamén denunciará ao goberno da Xunta e aos concellos cómplices ante a Unión Europea por permitir e alentar a destrución de parte dos valores ecolóxicos e naturais protexidos neste espazo de Rede Natura, e tamén ante a Unesco por non avaliar adecuadamente o impacto que suporá o proxecto eólico sobre un ben Patrimonio da Humanidade como é o BIC Camiño de Santiago Francés.

Futuras mobilizacións se non paran as obras

Salvemos O Iribio anuncia futuras mobilizacións se a Xunta non decreta de forma urxente e inmediata a paralización das obras do parque eólico do Iribio e das súas infraestruturas asociadas, como son os camiños de acceso ao parque ou a liña de alta tensión. Ao mesmo tempo, anima a sociedade galega e a colectivos de diversa índole que compartan os obxectivos de Salvemos O Iribio a formar parte da plataforma e apoiar a causa, ben participando das accións de mobilización que se promovan por parte desta, ben denunciando publicamente o grande atentado ecolóxico e cultural que se está perpetrando na Serra do Iribio.

Ata o momento forman parte desta plataforma os colectivos Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Sociocultural O Iribio, Fundación Oso Pardo (FOP), Fundación Uxío Novoneyra, Petón do Lobo, Lugo Animal Save, Anonymous for the Voiceless, Colectivo Capitán Gosende, Asociación Cultural Roxín Rosal, Xuntos por Sarria, Agrupación CulturalErgueitas, Comité de Defensa das Rías Altas, Plataforma Galega para a Defensa Animal e da Natureza, Rede Galega do Patrimonio, Rede Galega da Educación e Desenvolvemento Rural, Salvemos a Comarca de Ordes, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), Stop Eólicos Paradela e os grupos políticos Anova, BNG, Equo e os Grupos Parlamentarios de En Marea, BNG e Grupo Mixto. Non obstante, está aberta a novas incorporacións de colectivos ou de persoas a nivel individual que poden contactar coa plataforma a través do e-mail: salvemosoiribio@riseup.net


www.salvemosoiribio.org
salvemosoiribio@riseup.net

Síguenos en las redes:
https://www.instagram.com/salvemos_o_iribio/
https://www.facebook.com/Salvemos-O-Iribio-106704957336895/

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal