08-08-2019
As recentes talas en bosque de ribeira no tramo do Miño comprendido entre o Clube de Piragüismo e a zona de Meilán, encargadas ao parecer pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, levaron á plataforma cidadá Lugo de Cara ao Miño a idear, aproveitando o tempo de verán e o aumento do número de persoas que saen a camiñar, unha nova iniciativa
de custodia territorial, de carácter semanal, que deu comezo o pasado 22 de xullo.
A iniciativa de Lugo de Cara ao Miño consiste en facer, durante unhas dúas horas, paseos de inspección ou recoñecemento dos valores paisaxísticos e ambientais do río en varios dos seus treitos, sempre dentro da contorna da cidade.
Con estas andainas, abertas á participación de canta cidadanía se queira ir sumando, Lugo de Cara ao Miño busca facer un seguimento temporal permanente de todo o que teña a ver co estado do río: vexetación das marxes e do bosque de ribeira, posíbeis puntos de vertido, calidade das augas, impactos urbanísticos ou garantía do dereito de servidume de paso, entre outros aspectos.
Unha das particularidades a salientar destes paseos semanais de custodia e comprobación sobre o estado de saúde do río é o compromiso de as persoas asistentes elaboraren un pequeno informe que recolla as conclusións ao final de cada andaina.
Polo de agora, a iniciativa impulsada por Lugo de Cara ao Miño permitiu comprobar, por exemplo, o grave estado de abandono no que segue estando toda a zona da Fábrica da Luz, así como o feito de o Caneiro da Luz seguir roto despois das obras do dique ilegal ou que os valados de obra sigan en pé.
Comprobouse tamén o mal estado de conservación no que está o pantalán dos catamaráns da Deputación, que debería ser reparado con urxencia ou ben retirado. Púidose constatar tamén como na zona das Saamasas foron retomadas as obras da futura urbanización alí proxectadas, a pesar de teren aberto un expediente, e como estas seguen a incluír a canalización dos regatos da zona. Sobre esta obra, de feito, Lugo de Cara ao Miño ten solicitada información na Confederación Hidrográfica para saber se se está a desenvolver con plena legalidade.
Lugo de Cara ao Miño quere sumar máis xente e máis colectivos a estes paseos semanais polas ribeiras do río ao seu paso pola cidade e a súa contorna máis próxima. De feito, foron ideados cun moi baixo nivel de dificultade para que calquera tipo de público, afeito ou non a facer camiñadas longas, poida colaborar.
A duración é tamén moi asumíbel: adoita comezarse ás 11 da mañá nun punto e camíñase durante unhas dúas horas aproximadamente para que dea tempo a estar na casa para a hora do xantar. Ao principio de cada paseo son as persoas participantes as que escollen o tramo do río no que van centrar as súas comprobacións.
Se che interesa participar nalgunha destas andainas contacta connosco e explicámosche como podes acompañarnos: chámanos ao teléfono 679 721 687 ou mándanos un correo electrónico a lugodecaraominho@gmail.com ou adegalugo@adega.gal.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal