27-06-2019
A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) co apoio da Fundación Oso Pardo (FOP), a Asociación para a Defensa Ecoloxica de Galiza (ADEGA) e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) ven de presentar unha denuncia este 26 de xuño de 2019, ante a Fiscalía da Comunidade Autónoma de Galicia contra as obras de movemento de terras e acondicionamento de pistas iniciadas pola empresa Fergo Galicia Vento, S.L. na Serra do Oribio, e que foron paralizadas preventivamente o pasado luns 17 de xuño ao non contar con toda a documentación regulamentaria.
O movemento de terras con maquinaria pesada desenvolveuse no lugar onde segundo consta no proxecto instalaranse os aeroxeradores do parque eólico Serra do Oribio. Concretamente, fixéronse grandes acheamentos e procedeuse ao ancheado xeral e desvío nalgúns tramos do camiño que sobe desde a parroquia de Lampazas ao cume do Oribio e que se corresponde co trazado dun antigo camiño real.
A construción do parque eólico pretende facerse en base a unha Declaración de Impacto Ambiental aprobada no ano 2005, e desde entón non só cambiaron as circunstancias tecnolóxicas, enerxéticas e ambientais, senón que se aprobou o Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia que, entre outras medidas, prohibe a instalación de novos parques eólicos nos espazos da rede (Artigo 23 do Decreto 37/2014).
A Serra do Oribio está catalogada como Zona Especial de Conservación ( ZEC Ancares-Courel), dentro da Rede Natura 2000 de Galicia, e como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais ( ZEPVN), ten unha riqueza natural moi destacablee importantes valores etnográficos e culturais. A zona é unha área importante para diversas especies ameazadas, destacando a presenza da tartaraña cincenta ( Circus pygargus) e a gatafornela ( Circus cyaneus), especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como vulnerables e cun plan de conservación pendente de aprobación. Ambas as especies sufriron na última década un acusado descenso da súa poboación a nivel ibérico que levou a que actualmente se estea revisando a catalogación do seu grao de ameaza para incluílos como especies en perigo de extinción. Neste momento do ano ambas as especies atópanse no período crítico da reprodución polo que as molestias ocasionadas polas obras e a destrución de distintos tipos de hábitat poden afectarlles moi negativamente. O Oribio é, ademáis, zona de presenza recente de oso pardo, dentro do proceso de expansión natural da especie polas serras orientais lucenses que leva producíndose desde hai uns anos. Desde a SGO consideramos que o parque eólico non é compatible coa conservación da riqueza natural e cultural deste territorio, nin co seu desenvolvemento sustentable, e non cumpre as disposicións do Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal