ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Caso Prestige: 11 anos despois conclúe o...

13-11-2013

Eloxio da impunidade: Sen responsábeis, sen culpábeis

Caso Prestige: 11 anos despois conclúe o xuízo-farsa cun veredito aldraxante

Os máximos responsábeis políticos, nen sequera foron acusados

Os verdadeiros culpables

Un xuízo no que nen sequera se dirimiron as responsabilidades políticas de todos os que pola súa incompetencia, accións ou omisións converteron un grave accidente marítimo na maior catástrofe ambiental da historia de Galiza, é de todo menos xusto.

E o feito de dilatarse a instrución por mais de 10 anos e fallarse 11 despois, exonerando ao único cargo institucional de calquera responsabildade na catástrofe, fai que ademais o xuízo sexa unha farsa: Unha farsa aldraxante.

Unha aldraxe para Galiza: Nen honra nen cartos, e impunidade para os responsábeis

Cais van ser pois as consecuencias deste xuizo e deste fallo? Pois que encher os mares de chatarras ambulantes e mandar petroleiros ao quinto pino, sae de balde. Impunidade para as petroleiras e impunidade para os responsábeis políticos que provocaron a marea negra. Un veredito que fai do estado español o sumidoiro do lixo marítimo e político de Europa.

Cando menos, e como argumentou a Plataforma Nunca Máis da que fai parte ADEGA, conseguiuse denunciar internacionalmente a impunidade e expoñer á luz pública as vergoñas dunha administración indolente, sinalando aos verdadeiros culpábeis "in absentia": Rajoy, Álvarez-Cascos, Cañete, Matas, De Mesa, López Veiga... Porén, o único imputado do gabinetes de Aznar e Fraga, López Sors, agora absolto nen sequera asumíu a responsabilidade dos seus actos e mesmo recuncou na delirante teoría do alonxamento como mal menor, reforzada agora co fallo. Simplesmente indignante.

Tampouco se conqueríu que a sociedade galega, cuxo comportamento emxemplar diminuíu os efectos da catástrofe, vira compensados unha parte dos enormes danos ecolóxicos e económicos causados polo fuel. Á vista do fallo, semella claro que dos máis de 4.300 millóns de € reclamados por danos non se recuperará nin unha pequena parte. Xa os pagamos entre todos dos nosos petos!

Nen erros recoñecidos nen leccións aprendidas: Igual que hai 11 anos

Dúas probas claras da indolencia e o desleixo institucional coa catástrofe e as súas consecuencias, que amosan a posibilidade de que outro Prestige poderase repetir son:
-O plano de continxencias contra a contaminación mariña de Galiza, o plano CAMGAL, aprobado polo gabinete Feijóo en 2012, nen fixa portos refuxio, nen ten en conta os sentinazos, nen considera a contaminación do mar que vén da terra... E por riba sitúa as bases loxísticas lonxes dos treitos de costa con máis risco e volve deixar as decisións técninas nas mans dos políticos.
-Nas Somozas hai aínda almacenadas (ilegalmente por certo) 10.000 toneladas de refugallos do Prestige aínda sen tratar, agardando a que a Xunta e o estado se poñan de acordo en pagar o seu tratamento...

Ligazóns

Descargas

Audios

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal