ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Decálogo de propostas de ADEGA por un Lugo máis...

17-05-2019

Decálogo de propostas de ADEGA por un Lugo máis sustentábel coa vista posta nas municipais do 26 de maio

A delegación luguesa da asociación ponse a disposición de todas as candidaturas para dialogar sobre cada unha das propostas

A delegación luguesa de ADEGA vén de se dirixir por escrito a todas as forzas políticas e candidaturas que concorren ás eleccións municipais do próximo 26 de maio para lles facer chegar un documento de propostas de actuación para un Lugo “máis sustentábel e máis habitábel”.

Co envío deste decálogo de iniciativas, a asociación ecoloxista galega, de ampla presenza e actividade social na cidade desde hai décadas, busca convidar ás diferentes opcións electorais que aspiran a gobernar Lugo os vindeiros catro anos a introducir “a axenda ecoloxista” no debate político nestes días de campaña electoral, mais tamén a asumir compromisos concretos con dita axenda, quer desde o goberno quer desde a oposición, máis alá do domingo 26 de maio.

Propostas organizadas en dez eixos temáticos

O documento, organizado en dez eixos temáticos, comeza cun “apartado cero” que enmarca os dous os seguintes: a recuperación para o común de espazos públicos actualmente privatizados, unha aspiración que para a asociación ambientalista é fundamental.

Distintas propostas relacionadas cos ríos Miño e Rato e os seus efluentes abren a relación de propostas do decálogo. ADEGA enumera no documento as demandas e propostas que vén facendo todos estes anos: fin das agresións urbanísticas, recuperación do bosque de ribeira, iniciativas para a custodia do territorio, declaración de espazo natural de interese local (ENIL) para toda a bacía do Rato, desde o seu nacemento no Ceao até o Miño, e recuperación das súas fontes, eliminación de invasoras e creación, na Fábrica da Luz, dun centro de interpretación da fauna e flora da Rede Natura.

A aposta por garantir unha convivencia ética coa fauna salvaxe, na liña do que vén demandando a plataforma cívica creada en Lugo baixo esta mesma denominación, é outro dos puntos que propón ADEGA.

Canto á xestión do territorio, a asociación ecoloxista demanda tamén un novo modelo forestal no eido local, regulado a través do PXOM. Limitar, mediante a planificación urbanística, as plantacións de especies pirófitas no concello, prohibindo as novas plantacións de eucaliptos, reforestar con especies arbóreas autóctonas os montes de propiedade municipal (unhas 500 ha) ou potenciar a plantación de arborado autóctono en parques e xardíns públicos son algunhas das propostas neste ámbito. 

Unha segunda área temática do decálogo de propostas ecoloxistas incide sobre a necesidade de avanzar cara a unha planificación urbanística máis sustentábel e non agresiva co territorio e vai introducida, de novo, pola defensa da solución que ADEGA ten defendido desde sempre para o proxecto ilegal do Garañón: a súa demolición. 

ADEGA fai tamén unha reflexión sobre o gran número de vivendas baleiras que hai en Lugo e a urxente necesidade de revitalizar os barrios tradicionais, apostando pola alternativa da rehabilitación e a consolidación da malla urbana xa existente antes que pola proliferación de vivenda nova e novos barrios.

Outras dúas propostas do decálogo están centradas na definición dun novo modelo de xestión dos residuos sólidos urbanos, cunha aposta clara pola compostaxe dos residuos orgánicos, e tamén nun compromiso decidido cun novo modelo de consumo, máis consciente e sustentábel, no que mesmo o Concello como institución se pode e debe comprometer activamente.

O documento elaborado por ADEGA finaliza cunha reflexión sobre a mobilidade, entendida como un dos máis importantes desafíos sen resolver que ten a cidade, e sobre cuestións de tanto interese social como o proxecto de Intermodal, as peonalizacións, o carril bus, os carrís bici, a conectividade das diferentes zonas da cidade e de Lugo co resto do país, a intermodalidade bus-tren e a necesidade de apostar con forza polas potencialidades do camiño de ferro frente ao progresivo desmantelamento de liñas e servizos.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal