ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O Foro do Camiño Primitivo insta á Xunta a...

16-11-2018

O Foro do Camiño Primitivo insta á Xunta a reconducir a xestión das rutas xacobeas

Hoxe, 16 de novembro, é o Día Internacional do Patrimonio da Humanidade

Obras de Turismo na Fonsagrada

No Día Internacional do Patrimonio Mundial, o Foro do Camiño, do que fai parte ADEGA, quere lembrar a realidade actual do Camiño Primitivo de Santiago como patrimonio ameazado e en risco de perder a súa condición de Patrimonio Mundial, como recentemente confima un informe técnico de ICOMOS-España. O Foro do Camiño Primitivo, conformado por 30 entidades de carácter cultural, social, ambiental e patrimonial, alerta sobre o deterioro e a adulteración que esta e outras vías históricas seguen a experimentar, resultado de actuacións da propia administración e particulares que atentan contra os postulados esenciais de integridade e autenticidade que constitúen a razón de ser do patrimonio mundial. Principalmente, estase a producir a falsificación da traza orixinaria do Camiño Primitivo e a súa perda de identidade, produto da turistificación mediante campañas propagandísticas e comerciais deste ben histórico e cultural recoñecido pola UNESCO coa máxima distinción.

Alertamos sobre a realización de obras agresivas por parte da Axencia Galega de Turismo no Camiño Primitivo que, nos últimos tres anos, están a anular a súa identidade e paisaxe cultural, logrando que o itinerario tradicional fique reducido á memoria ou a unha caricatura esperpéntica de si mesmo. Estas obras séguense a suceder sen o máis mínimo criterio de autenticidade e preservación dos valores culturais e do territorio histórico do Camiño, do que volvemos a alertar ao ICOMOS, a comezos deste mes, coa presentación dun informe-denuncia complementario do que xa presentaramos no ano 2016, co gallo de que interveña canto antes para evitar a proxección de novas obras co mesmo sentido destrutor e a reconducir o malogrado enfoque da Administración galega cara as rutas xacobeas.

Abandono do Camiño Primitivo en Lugo

Desvío do Camiño de Santiago no Barrio do Carme (foto: La Voz de Galicia)

Con moitvo do Día do Patrimonio Mundial 2018, o Foro do Camiño tamén quere chamar a atención sobre o estado de abandono que padece o Camiño Primitivo na cidade e entorno de Lugo, con treitos completos apropiados e desviados á estrada tanto na entrada da cidade polas parroquias de Bascuas e Carballido (monte das Regas), como na súa saída ao paso por San Xoán do Alto no lugar da Seara, con perigoso tránsito polas vías destinadas ao tránsito rodado. Igualmente, advertimos sobre o abandono e falsificación da traza histórica no barrio do Carme, presionado pola especulación urbanística sobre os seus terreos, onde o paso tradicional polo Regueiro dos Hortos foi condenado ao ostracismo en tanto a traza oficial desviaba irracionalmente a rota xacobea polo Camiño da Cheda e Pousadela.  

No mesmo sentido, o Foro do Camiño demanda a urxente posta en valor da Rúa Vella da Ponte como traza histórica do Camiño a Compostela polo barrio de San Lázaro, logo do perverso e artificioso desvío dos peregrinos pola vía urbana de Fermín Rivera en dirección ao Clube Fluvial.

Nestes e noutros exemplos, lembramos que a solución non é o gasto público en medidas paliativas  para disimular problemas creados pola mala xestión e falta de vontade política para aplicar a lei, como é o caso da instalación de límites de velocidade, bandas rugosas, sinais luminosas ou pasos de peóns nos treitos de Camiño derivados ás estradas ou á Rolda do Carme, tal e como se está a facer, senón na recuperación da senda tradicional e na súa protección cultural e ambiental como patrimonio da humanidade.    

Finalmente, o Foro do Camiño Primitivo quere deixar patente a ausencia crónica de implicación das administracións públicas na posta ao día deste ben cultural como patrimonio mundial e na súa visibilización, alén do fomento do consumismo depredador dos seus valores, con especial atención ao deterioro do conxunto monumental asociado a esta vía de gran proxección, reclamándose, entre outras actuacións prioritarias, a recuperación da torre do antigo hospital de San Miguel en Porta Miñá como Centro de estudo e acollemento ao peregrino do Camiño Primitivo, segundo estaba previsto hai anos, así como a apertura e posta en valor da Capela da Virxe do Camiño ou do Carme como emblema espiritual desta calzada.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal