ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA solicita da Xunta que audite a explotación...

03-08-2018

ADEGA solicita da Xunta que audite a explotación equina que anunciou o peche por causa do lobo

ADEGA SOLICITA DA XUNTA QUE AUDITE A EXPLOTACIÓN EQUINA DA ESTRADA QUE ANUNCIOU O SEU PECHE POR CAUSA DO LOBO

Debería efetuarse a avaliación de seguemento disposta nos artigos 20 e 22 do Decreto 297/2008 polo que se aproba o Plano de xestión do lobo en Galiza.

ADEGA quere que a Xunta verifique se é realmente o lobo o que condiciona a viabilidade da explotación, ou se a especie está a aproveitar unha moi doada dispoñibilidade do gando da explotación polas eivas do seu funcionamento.
Dada a especial relevancia da noticia para o deseño e a efectividade das medidas de xestión do lobo en Galiza, dende ADEGA consideramos fundamental que dende a Dirección Xeral de Patrimonio Narural, se avalíe a verdadeira influencia do lobo sobre a viabilidade desta explotación.

A Xunta debería verificar se existe algunha responsabilidade na desatención, retraso, ou inexistencia de axudas indemnizatorias, tal e como declara o afectado. Tamén, si concorren circunstancias de co-responsabilidade por parte do titular no tocante ao modo de xestionar ou manexar dita explotación. Das conclusións destas pescudas podería derivarse a adopción de medidas e solucións que favorezan modelos de protección do lobo e de necesaria coexistencia coa gandería.
Tamén serían útiles para determinar e valorar o papel da co-responsabilidade tanto do produtor como dos demais actores implicados na toma de decisións que afectan á conservación do lobo.

No escrito dirixido á Xunta tamén solicitamos que se integre en dita avaliación a información dispoñíbel sobre as axudas demandadas e recibidas por dita explotación nos últimos anos, e que medidas adoptou dende que reporta danos por ataque de lobos. Así, debería analisarse o tipo e a eficacia das medidas preventivas e de manexo que esta explotación está adoitando, e determinar se concorren outras circunstancias alleas ao lobo, que poidan estar detrás do peche da explotación.
De demostrarse que o lobo está condicionando nalgunha medida a viabilidade desta explotación, a Xunta debería proceder coa maior celeridade a abordar as medidas de pago indemnizatorio e compensatorio que resulten proporcionais ás perdas ocasionadas.

Neste senso, recordamos que as axudas anuais para indemnizar danos, así como para favorecer medidas de manexo preventivo, deben manterse de maneira continuada no tempo, e cun orzamento máis elevado que o actual. É fundamental tamén acurtar ao máximo os prazos de tramitación e de resolución para garantir a súa efectividade.
A Xunta tampouco debería esquecer, e así fica recollido no Plano de Xestión do Lobo, as actuacións de sensibilización que favorezan modelos de coexistencia entre lobo e gandería, incidindo na importancia de co-responsabilización das explotacións para pór en marchar medidas preventivas e de manexo axeitadas.

Neste eido, o da sensibilización social coa problemática da conservación do lobo, os medios de comunicación desempeñan un rol fundamental: debería fuxirse das informacións sensacionalistas, non contrastadas cos datos oficiais, centradas no "medo ao lobo" e nas desfeitas de supostos ataques que moitas veces xeran unha inxustificada alarma social.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal