ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Comeza a campaña de recollida de sinaturas da ILP...

24-07-2012

Comeza a campaña de recollida de sinaturas da ILP a prol dos 3 Rs e en contra da incineración

Comeza a campaña de recollida de sinaturas da ILP a prol dos 3 Rs e en contra da incineración

Compostela, 24 de xullo de 2012. Hoxe comezou a campaña de recollida de sinaturas para que se debata no parlamento a iniciativa lexislativa popular (ILP) para a APLICACIÓN EFECTIVA DOS PRINCIPIOS DE REDUCION, REUTILIZACIÓN E RECICLAXE DE RESIDUOS EN GALIZA.

O obxectivo é darlle forza xurídica e sensibilizar a poboación da necesidade dunha xestión correcta e sostíbel dos residuos e en contra da incineración que actualmente é a xestión maioritaria dos residuos no país, provocando unha forte contaminación e desbaldimento de recursos.

A comisión promotora da ILP, da cal forma parte ADEGA, ten instalada unha mesa no Festigal de Compostela para a recolla de sinaturas, así que non o dubides, e achégate alí para a apoiar esta causa que é a de todos e todas.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O dereito de todas e todos a gozar dun ambiente saudábel, xunto ao deber de conservalo, foi recoñecido pola Constitución Española. No marco da mesma e da lexislación básica vixente, e de acordo co Estatuto de Autonomía, Galicia ostenta a competencia exclusiva para aprobar normas adicionais e máis esixentes para a protección ambiental.

Así, a Lei 10/2008 de residuos de Galicia estableceu como obxectivo prioritario o fomento da alternativa dos 3Rs (por esta orde, redución, reutilización e reciclaxe). A Directiva europea 2008/98/CE sobre os residuos, trasposta ao dereito estatal pola Lei 22/2011, formulou o obxectivo de transformar a actual sociedade nunha “sociedade do reciclado”, avanzando na adopción real das alternativas do 3Rs e contribuír á loita contra o cambio climático.

A Xunta de Galicia aprobou en xaneiro de 2011 o Plano de xestión de residuos urbanos de Galicia (PXRUG) 2010-2020. Este plan cumpre só na teoría cos obxectivos das referidas leis, xa que destina á prevención de residuos só o 2,2% do orzamento total, fronte ao obxectivo de redución do 10% dos residuos xerados. A suma de todos os investimentos dedicados no PXRUG á prevención, información, educación ambiental, recollida selectiva e outras medidas de reutilización e reciclaxe atinxe o 18,1% do total, fronte ao obxectivo mínimo do 50% de reutilización e reciclaxe. Pola contra, o 48% dos investimentos destínanse a unha nova planta de eliminación por incineración.

Incineración non, reciclaxe naturalmente

Todas estas previsións do PXRUG 2010-2020 son contrarias aos obxectivos teóricos das mencionadas leis. Estas din que a prevención, a reutilización e a reciclaxe son prioritarias, mais permiten que os plans de xestión destinen os recursos económicos e humanos á incineración e ao vertido.

Transcorridos máis de tres anos de vixencia da Lei e da Directiva de 2008, non se adoptaron aínda medidas efectivas de prevención, recollida selectiva, reciclaxe e compostaxe. Mentres, a Xunta está a favorecer outras opcións menos prioritarias e altamente impactantes, como os continuos recrecementos do vertedoiro da Areosa e a instalación dunha nova incineradora no sur de Galicia, incompatíbel co obxectivo de redución do 10% e reutilización e reciclado do 50% dos residuos domésticos.

En conclusión, faise necesario clarificar e darlle forza xurídica á xerarquía que establece a prioridade dos 3Rs, xa presente na normativa actual, para que sexa realmente de obrigado cumprimento. É nesa liña que a presente Lei establece unha serie de medidas para a aplicación deses principios, excluindo a incineración como opción principal para o tratamento dos residuos en Galicia.

Tense en conta ademais que a incineración de residuos segue a ser unha actividade altamente contaminante. Non só destrúe materias primas valiosas e imprescindíbeis para acadar unha “sociedade do reciclado”, senón que emprega a atmosfera como vertedoiro para gases ácidos, metais pesados, dioxinas e dióxido de carbono. Contaminantes que finalmente acaban caendo de novo sobre os solos, os cultivos e as augas das comarcas próximas ás incineradoras.

Tense en conta a reducida eficiencia enerxética da incineración en SOGAMA, con valores inferiores ao establecido pola Directiva 2008/98/CE para que se poida considerar como operación de valorización. E tense en conta tamén que a incineración preséntase como a alternativa máis custosa, pero a que menos emprego permite crear (entre 5 e 10 veces menos que a reciclaxe), algo que diante da actual crise debe terse moi en conta.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal