Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Lei de Depredación: golpe de estado...
11-10-2017
A proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais, alcumada Lei de Depredación de Galiza é un "caixón desastre”, que ao estilo das "leis de acompañamento”, modifica pola porta de atrás numerosas disposicións coa intención de remover "atrancos administrativos", a costa das garantías ambientais e o interese xeral.
Coa aprobación desta norma, a Consellaría de Industria e concretamente a D. X. de Enerxía e Minas do incombustíbel Tahoces vira nun sultanato con capacidade de decisión sobre o territorio á marxe de calquera ordenamento. Poderá intervir non só nas cuestións que lle son propias, senón tamén condicionar as actuacións dos departamentos de medio ambiente, montes, agro, patrimonio, augas, etc. ficando como máximo órgano substantivo e arrogándose a potestade de decidir sobre aspectos chave de calquera planificación sectorial.
Alén das profundas mudanzas nas leis da Minaría, Eólica, de Augas, de Montes, de Conservación da Natureza, etc. para suprimir “atrancos” e outorgar patente de corso ás empresas mineiras e pasteiro-enerxéticas, a norma deita tamén cargas de profundidade sobre as dereitos dos administrados, a transparencia na xestión e o equilibrio de poderes e competencias das administracións.
Nesta "Lei de Depredación” insírense catro cuestións transversais que explican tanto o contido da norma como a súa intención: 1) reduce os dereitos de información e participación cidadá; 2) socava as competencias dos concellos e consellarías; 3) atenta contra a propiedade da terra; e 4) consagra un agravio comparativo con privilexios para unha casta empresarial.
1) Coa a escusa de “eliminar atrancos administrativos” recúrtanse dereitos cidadás como o de información e participación pública ao reducir o prazo de alegacións e mesmo eximir deste trámite a determinados proxectos. Estas retalladas tamén atinxen ás administracións: concellos, consellarías e organismos consultivos terán menos tempo para informar xeralizando o silenzo administrativo positivo ou dmesmo eliminando a necesidade do informe sectorial.
2) O proxecto de lei atenta á autonomía municipal abusando da supramunicipalidade automática na tramitación de proxectos e Intervén sobre o chan rústico, mesmo o especialmante protexido, para permitir determinados aproveitamentos á marxe do PXOM. A norma rebaixa o papel doutros departamentos da administración a meros entes consultivos, outorgando a Industria a capacidade de intervir na práctica sobre a planificación dos espazos protexidos, os montes, o agro, as augas... Concellos e consellarías ficarían, no tocante a determinadas iniciativas empresariais, como simples taboleiros de anuncios.
3) Introduce un profundo desequilibrio na propiedade da terra, que basculará cara determinados intereses empresariais. Veciñanza e comunidades de montes verán como as empresas usurpan dereitos de propiedade e fan valer o seu “interese público” para expropiar terras. Os expedientes de expropiación tramitaranse por xunto cos proxectos empresariais, que xa contan coa utilidade pública e a prevalencia desta sobre calquera outro dereito. Trátase de facilitar a determinadas empresas o acaparamento de terras para desenvolver o seu negocio privado cun procedemento non moi diferente a unha requisa.
4) Esta “Lei de Depredación” consagra unha nova casta empresarial obsequiada por Feijóo con prebendas administrativas (redución de prazos, trámites e prioridade na resolución de expedientes) e privilexios exclusivos (subvencións directas, declaracións de supramunicipalidade e prevalencia de intereses públicos). Non haberá “café para todos” como promete o PP, senón un agravio comparativo: entre os proxectos “premium”, os das empresas mineiras, enerxéticas e pasteiras que terán todo tipo de facilidades e o resto de empresas, pequenas e medianas, explotacións agrarias e cooperativas que ficarán relegadas a competir en inferioridade pola terra coas grandes transnacionais.
En definitiva, esta lei ten ben gañado o alcume de “Lei de Depredación”. Socava profundamente o interese xeral e os dereitos da cidadanía; elimina garantías ambientais e de procedemento; ningunea aos concellos e altera o equilibrio institucional. Todo para favorecer certas empresas e consolidar un "capitalismo de amiguetes" escenificado en 2009 no Obradoiro coa aperta entre Feijóo e Galán (presidente de Iberdrola). A norma supón “golpe de estado” administrativo que deixa á Xunta como un apéndice dos grandes fundos de investimento, un simples portelo para expedir licenzas para a expoliación do territorio.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal