ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Nova lei de patrimonio natural: protección...

14-03-2017

Nova lei de patrimonio natural: protección discrecional e submisión da natureza aos intereses económicos

Co anteproxecto de lei do Patrimonio Natural de Galiza a Xunta pretende adulterar e rebaixar as obrigas de conservación. Consolida unha protección discrecional submetida ao urbanismo e co pouco disimulado obxectivo de privatizar o ambiente.
A norma coa que a Xunta quere substituir e “actualizar” a lei de conservación de 2001, supón a plasmación do descoñecemento e o desleixo que a Xunta ten pola nosa natureza. Facendo un remexido entre a lei do Patrimonio estatal e a norma de Castela e León, cun chisco da lei de Parques Nacionais, e unha redución da Directiva de Hábitats, a Xunta cociña unha norma “Frankenstein” para deconstruir a protección da natureza galega.

´Numerus clausus´para os parques naturais

O anteproxecto de lei fixa para a declaración de novos parques unha estensión mínima de 10.000 ha para os terrestres e 2.500 para os insulares. Na norma equivalente estatal (lei 42/2007 do Patrimonio Natural) así como no corpus legal autonómico (País  Basco, Asturias, Castela e León, esta última referenza para a Xunta) non se establecen criterios métricos, isto é, superficie mínima algunha.
Cal é o motivo para que a Xunta estableza un umbral mínimo de superficie de xeito arbitrario? Con tais requisitos, arestora na Galiza teriamos un só parque, o da Baixa Limia-Serra do Xurés. Nin Corrubedo, nin Fragas do Eume, nin Enciña da Lastra...

Mans amarradas na loita contra as invasoras e o eucalipto

No que atinxe á xestión das especies exóticas invasoras, a norma non contempla o establecemento dun Catálogo Galego de Especies Exóticas Invasoras, quedando a xestión destas especies e a gravísima problemática que están a provocar na Galiza (as últimas, a couza da pataca, vespa velutina...) ao abeiro da que determine o Estado e a UE.
Deste xeito, pérdese a perspectiva galega e atráncanse as necesarias actuacións temperás con obxectivos de prevención, tan necesarios para a eficacia na loita contra as EEI. Agardando ao recoñecemento como tal dunha especie exótica invasora no respectivo catálogo español, no que mesmo a especie pode non acadar a categoría de invasora malia a selo na Galiza, estase coartando non só a capacidade normativa propia do noso país senón tamén reducindo as posibilidades de éxito e mitigación das consecuencias dunha invasión biolóxica.
Curiosamente, o mesmo texto que non aborda a xestión das invasoras dende a perspectiva galega, nen establece medida algunha para evitar a eucaliptización do país, si recolle a posiblilidade de xestionar como “pragas” algunhas especies nativas!!

Os intereses urbanisticos por riba do patrimonio natural

O anteproxecto consolida un demoucado legal sen precedentes dos instrumentos de xestión dos espazos naturais protexidos, incorporando condicionantes e determinacións alleas aos obxectivos de conservación. Os instrumentos de planificación e xestión dun espazo protexido prevalecen sempre sobre calquera outra planificación sectorial e urbanística, como recolle a lei aínda vixente (9/2001) e tamén a norma estatal.
Mais a Xunta insire no anteproxecto dúas excepcións a esta prelación: cando concorran “razóns imperiosas de interese público de primeira orde” acordadas polo Consello da Xunta; e cando os concellos propoñan “excepcións para garantir a prestación dos servizos mínimos previstos na lei de bases do réxime local”, excepcións que tamén deberán ser aprobadas pola Xunta.
Deste xeito, as ferramentas que garanten a conservación do patrimonio natural (planos de ordenación dos recursos, planos reitores de uso e xestión, planos de conservación, etc.) poderán ser chapodados a discreción pola Xunta e concellos atendendo a intereses alleos á conservación do patrimonio natural.

A Xunta pretende tamén que os PORN (planos de ordeamento dos recursos naturais) non poidan establecer determinacións sobre os solos urbanos, de xeito que un espazo declarado como urbano nun PXOM por un concello, non poderá ter protección ambiental a nível galego.
Este artigo non ten paralelo na normativa autonómica, estatal ou mesmo da UE. A Xunta xa non se corta: subordina claramente os criterios ambientais aos urbanísticos, e consolida a anarquía e a insubmisión urbanística de moitos concellos que, como por exemplo Barreiros, fixeron do cemento o seu único credo.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal