10-02-2017
ADEGA leva a Fiscalía Ambiental do TSXG as autorizacións de caza do lobo ao entendermos que non cumpren coas condicións recollidas no Decreto 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plano de xestión do lobo en Galiza. Estase a dar unha incorrecta execución desta norma, e en consecuencia causando un prexuízo ambiental e ecolóxico a esta especie, menoscabando a protección da nosa fauna e flora máis singular. Consideramos que no proceder da administración nesta cuestión podería haber suficientes indicios dun delicto de prevaricación administrativa, conforme ao artigo 404 do Código Penal.
ADEGA presenta unha detallada denuncia dos feitos diante da Fiscalía achegando argumentos que proban de que se estarían ditando resolucións para “controis poboacionais” de lobo de xeito discrecional, cun claro propósito de favorecer unha actividade cinexética que a lei de caza limita ostensiblemente.
Pretendemos demostrar o proceder doloso por parte dos responsábeis administrativos, que sistematicamente ignoran as normas esenciais do procedemento, sometido a unhas inexistentes “directrices de xestión”, e contravindo de maneira arbitraria a lexislación vixente (Decreto 297/2008).
O artigo 8 do Plano do Lobo dispón que para que teñan lugar “controis poboacionais” deberase previamente comprobar a ineficacia dunha avaliación técnica dos danos sobre o gando, da adopción de medidas preventivas, do grao de conflitividade social e do estado poboacional do lobo, que deberá ser obxecto de seguemento. Resulta preceitivo ter en conta uns “gradientes de valoración de danos” e unhas “directrices de xestión” que a Administración non desenvolveu tal e como marca o Decreto do Lobo.
ADEGA lembra que nesta nova lexislatura a Consellería de Medio Ambiente incrementou as autorizacións para controis, ben con batidas ou con agardas, derivando algunhas nunha auténtica chafallada coma o recente caso de Friol, que rematou coa morte dun can.
O vindeiro domingo 12 terá lugar outra en Cotobade, concello no que nos últimos meses autorizáronse varios "controis poboacionais" de lobo, en atención ás demandas dun particular que estaría resultando danado por ataques do lobo.
Para ADEGA a Administración non ten feito suficiente para afrontar esta problemática nen para desactivar o conflito, fallando nos incentivos e apoios e na posta en marcha de medidas de prevención, así como no pago áxil dos danos.
ADEGA inclúe na súa denuncia que sobre os controis poboacionais existe unha literatura científica xeralizada que indica que este tipo de medidas drásticas provocan un efecto contrario ao que pretende. A destrución ou alteración da particular estrutura social que marca as pautas de comportamento dos lobos que viven en grupos familiares, incrementa os ataques a presas fáciles, da que o gando ocupa unha posición preferente.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal