30-01-2017
ADEGA cualifica de chafallada e esperpento a batida desta fin de semana en Friol, autorizada de xeito "express" pola Xunta. Ilegalidades como a presenza de menores e o uso de foguetes, remataron cun único "trofeo" abatido: un pobre cadelo!
ADEGA tiña solicitado á Xunta a denegación desta batida por non ficar xustificada a adopción desta medida tan drástica, contemplada como unha excepción no Plano de Xestión do lobo. A propia norma que regulamenta o manexo desta especie en Galiza condiciona os "controis da poboación" á comprobación da eficacia dos protocolos e medidas preventivas. En explotacións gandeiras con danos recorrentes por lobo a comprobación da eficacia das medidas preventivas debería ser rigorosa, e de non terse implementado ningunha, non habería lugar a indemnizacións e moito menos autorizar batidas.
A prevención vén mostrándose, nas experiencias existentes, coma o método máis efectivo para reducir os ataques de lobo á gandería. A administración debe traballar no seu impulso aportando asesoramento, asistencia e recursos suficientes, nomeadamente nas zonas con maior índice de danos. A posta en marcha das medidas preventivas debería ser unha prioridade fronte á adopción doutras alternativas e garantir que se apliquen correctamente. Os protocolos deben contemplar asesoramento, axuda e apoio con recursos preventivos suficientes aportados pola Xunta, así como a súa supervisión e contraste na fiabilidade e éxito/fracaso dos medios/recursos empregados, individuais ou en combinación de varios.
Por iso cando os gandeiros solicitan e a Xunta autoriza inxustificadamente batidas de lobo, o que está fallando é todo o modelo de xestión, é dicir, hai un fracaso na adopción das medidas preventivas, nas compensacións, na concienciación e na investigación do lobo e das súas poboacións. E o prezo deste fracaso acaba pagándoo o lobo con chumbo.
Tampouco é de recibo que os "controis" das poboacións de lobo acaben sendo responsabilidade dos cazadores, limitándose a Xunta a "supervisar" (nos casos en que isto acontece). ADEGA pregúntase que supervisión efectuou a administración nunha batida coma esta de Friol, na que o cúmulo de ilegalidades non ten fin: usáronse foguetes para "mobilizar" á fauna (feito este denunciado polo propio SEPRONA); rexistrouse a presenza de menores durante o acto cinexético; e usáronse como apoio para ubicar aos obxectivos cámaras de fototrampeo.
O resultado de semellante despropósito estivo á altura das chafalladas e do cúmulo de irregularidades cometidas: rematou coa morte dun pobre cadelo que tivo a mala sorte de cruzarse no camiño dos escopeteiros.
Como corolario a este esperpento, vimos de coñecer que o concello de Friol vai solicitar unha nova batida "ao non cumprirse o obxectivo da primeira". ADEGA solicitará novamente á Xunta a súa denegación, xunto cunha investigación dos feitos acontecidos no "acto" desta fin de semana, coa fin de depurar responsabilidades. E diante da intención do concello de pedir máis batidas, advertimos á veciñanza do concello de Friol que miren ben polos seus cans...
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal