ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA solicita da Xunta a denegación dunha batida...

26-01-2017

ADEGA solicita da Xunta a denegación dunha batida de lobos en Friol

ADEGA concibe as batidas e agardas de lobo coma unha medida de moi marcada excepcionalidade, e que unha medida tan drástica só debería ter lugar cando quedara demostrado non resultar efectivas a aplicación combinada das medidas preventivas e os pagos por danos. Recordamos que a caza do lobo por danos debe contar cun informe técnico que xustifique un alcance de danos as explotacións gandeiras que teña lugar de maneira recorrente, e unha vez que se produza de maneira recorrente e quede demostrado o fracaso na posta en marcha de medidas preventivas.

Valoramos que cunha aplicación das diferentes medidas contempladas no Plan de Xestión do Lobo resulta moi cuestionable que poida tramitarse e autorizarse unha medida tan drástica. Neste sentido a administración accede a autorizar controis poboacionais en resposta a presión que se exerce dende determinados colectivos sen que se cumpran as condicións técnicas que as xustificarían. Non pode ser que se autoricen a petición de sociedades de caza e non dos directamente afectados, porque existen presións para que o lobo sexa cazable coma trofeo na Galiza.

ADEGA aposta pola prioridade á prevención

A prevención vén mostrándose coma o método máis efectivo para reducir os ataques de lobo á gandería. A administración debe traballar no impulso das mesmas, aportando asesoramento, asistencia e recursos suficientes, nomeadamente nas zonas con maior índice de danos. A posta en marcha das medidas preventivas debe ser unha prioridade fronte á adopción doutras alternativas e garantir que se se apliquen correctamente.Ditos protocolos deben contemplar asesoramento, axuda, control de aplicación e apoio con recursos preventivos suficientes.O que non pode ser é que existan explotacións con danos recorrentes, para as cales se teñen solicitado batidas, que nin tan sequera teñen demandado as axudas previstas para prevención que dispón a Xunta.

ADEGA demanda axilidade nos pagos por danos

Á súa vez as medidas de compensación e ou indemnización de danos deben complementar as accións preventivas despregadas e que puideran resultar insuficientes.  A demora actual que existe por pagos atrasados e tardanza na súa execución réstalle credibilidade a este mecanismo indemnizatorio, coa consecuencia de que entre as persoas gandeiras afectadas exista unha moi mala percepción das mesmas e, polo tanto, non axude a mellorar a coexistencia de lobo gando. De efectuarse os pagos en poucas semanas  é moi probable que se avance moito na resolución deste conflito. Resulta necesario que a dotación económica disposta para estes pagos cubra anualmente as perdidas económicas producidas polo lobo, en base aos prezos de cotización de mercado e, tamén, coa suma do lucro cesante que os danos provoquen.

ADEGA recorda que a poboación está estancada

O fenómeno das redes sociais fai que se estea a percibir que existe un maior número de lobos, onde prospera informacións desproporcionadas, alarmistas, e incluso falsas que se reproducen vertixinosamente e están a desvirtuar a realidade do lobo,  pero os datos oficiais do estado da poboación non demostran un incremento.Os resultados dos censos non demostran que exista unha sobrepoboación de lobos. Temos os mesmos lobos que nos anos 80, a poboación permanece estancada. E iso significa que en todo este tempo máis de 10.000 lobos terían morto, na maioría de maneira ilegal. Os resultados actuais aproxímanse moito aos censos anteriores, co cal estamos a movernos nun rango de tamaño moi próximo. O último censo non ofrece evidencias de que a poboación teña experimentado crecemento ou decrecemento que se salga do rango da tendencia observada.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal