ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Cidade da Cultura, novo centro galego de...

28-12-2016

A Cidade da Cultura, novo centro galego de recuperación da fauna mariña

28 de decembro: Galiza precisa dun grande centro de referenza para a recuperación da fauna mariña. A escaseza das actuais instalacións e o crecente número de mamíferos e tartarugas mariñas rescatadas nas nosas costas, o máis alto do Estado, fan preciso contar cun centro á altura destas necesidades.

Existía un proxecto, inicialmente concebido no lugar de Baredo (Baiona) que arestora fica paralisado en espera de que a Xunta e o governo central acorden o reparto e a asignación do orzamento e as responsabilidades de cada administración. Porén, cada vez son máis os exemplares de fauna mariña que chegan ás nosas costas e precisan de atención especializada.

Facer da necesidade, virtude

Perante esta situación, ADEGA propón usar de xeito provisorio as instalacións do Gaiás (xa construídas) e darlle un novo uso as piscinas existentes nas fochancas das abandonadas obras do CAI (Centro de Arte Internacional) así como á lagoa do denominado "Xardín Literario", espazo ocupado polo que ía ser o Teatro da Música.

Estas dúas e profundas láminas de auga que ocupan as fochancas deixadas polo inacabado proxecto de Fraga-Eisenman, acumulan xa preto de 30.000 metros cúbicos e resultan imprescindíbels (previo acondicionamento) para a recuperación das especies de tartarugas, cetáceos e pinnípedos acollidas no centro.

Paralelamente, as instalacións anexas a estes espazos, hoxe infrautilizadas, poderían acoller os laboratorios (quirófanos, salas de necropsia, conxeladores...) do centro de investigación necesario para complementar as actuacións de recuperación, que hoxe son desenvolvidas maioritariamente con voluntariado con materiais moi precarios.

Un proxecto barato e compatíbel coa vocación e a estética de Eisenman

Os investimentos necesarios e os prazos para poñer en funcionamento este centro no Gaiás, serían xa que logo moito menores que o que precisa a construción das instalacións de Baiona, hoxe paralisadas precisamente por falta de cartos.

Ademais, a vocación científica e divulgativa deste centro de recuperación de fauna mariña incardínase perfectamente co obxectivo da Cidade da Cultura: servir de "receptáculo" das artes e da música... Por que non tamén da cultura científica?

E polo que atinxe ao concepto estético, a visión arquitectónica de Eisenman dunha paisaxe de lombos suaves e valgadas, que lembran aos lombos dos grandes cetáceos, cadra perfectamente coa estética e a ética deste práctico obxectivo.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal