ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A CE prorroga o uso do glifosato outros 18 meses:...

30-06-2016

A CE prorroga o uso do glifosato outros 18 meses: os stocks de Monsanto antes que a saúde

18 meses de graza vén de conceder a Comisión Europea a Monsanto para seguir comercializando e usando o glifosato sen practicamente restricións na UE. Deste xeito, o herbicida máis usado no mundo e considerado "probablemente canceríxeno para humanos" pola OMS, seguirá estando permitido.

Nen as advertencias da IARC, a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro, dependente da OMS, nen a aplicación dos Principios de Precaución e Mínima Exposición, consagrados nos tratados da UE, fixeron que a Comisión Europea considerara antepoñer a legalidade e a saúde ambiental e cidadá aos intereses de Monsanto.

A CE dille dar con esta extensión da autorización para o glifosato, 18 meses de prazo á Axencia Europea de Substancias e Mesturas Químicas para acumular evidencias sobre os efectos negativos deste composto. Mais a OMS é clara, o glifosato foi incluido pola OMS no grupo 2A "Axentes ou misturas probablemente carcinóxenas para o ser humano" xa que segundo a axencia internacional contra o cancro:

"Existen probas limitadas da carcinoxenicidade en humanos e probas suficientes da carcinoxenicidade en experimentación animal. Nalgúns casos, un axente (ou mistura) pode ser incluido nesta categoría si existen probas inadecuadas de carcinoxenicidade en humanos e probas suficientes de carcinoxenicidade en animais de experimentación, existindo unha forte evidencia de que na carcinoxenia están implicados mecanismos que tamén operan nos humanos."

Ademais, un recente estudo publicado na revista The Lancet sobre 5 coñecidos herbicidas e pesticidas, o glifosato amosou "evidencia limitada" de que pode producir linfoma no-Hodgkin en seres humanos, e probas "convincentes" de que pode causar cancro en animais de laboratorio.

Resulta moi improbábel pois que un departamento burocrático da UE rebata en 18 meses as numerosas evidencias científicas sobre a toxiciade do glifosato. Xa que logo, non dubidamos que pasado este prazo, o glifosato será definitivamente prohibido, polo que este periodo de graza concedido pola CE ao glifosato, servirá unicamente para que Monsanto poida dar saída aos stocks deste veleno.

O estado español é un dos máis firmes defensores deste veleno, malia ás evidencias da súa toxicidade. Tamén é o país da UE que máis transxénicos e eucaliptos planta, e o glifosato o principal herbicida para fumigar os cultivos modificados así como os eucaliptais de NORFOR-ENCE.

Dende ADEGA reclamamos outra volta que, os concellos, deputacións e Xunta non agarden até o 2018 e deixen de usar xa este perigoso herbicida. Non queremos ser ratos de laboratorio por outros 18 meses: a protección do ambiente e a saúde debe primar sobre o intereses comerciais

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal