ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Após da catástrofe incendiaria, comeza o reparto...

17-09-2013

Após da catástrofe incendiaria, comeza o reparto do botín

Chuvia de cartos públicos para constituir SOFOR e axudas a cazadores

Fieis á idea de que o monte galego non val máis que para plantar eucaliptos e cazar, Medio Rural e Medio Ambiente iniciaron a súa rega anual de euros post-lumes a madeiristas e cazadores. E non terán algo que ver os lumes con estas actividades?

Unha Lei de Montes pirófita e unha Lei de Caza tardofranquista

A reacción institucional fronte á actual vaga de lumes lembra moito ao acontecido após da catástrofe do Prestige. En troques de asumir responsabilidades e tomar medidas para que estas desfeitas non volvan acontecer, pretenden tapar con euros a súa incompetencia "untando" a algúns colectivos chave, daquela confrarías e desta volta madeiristas e cazadores. E fanno tentando impoñer a súa visión simplista e distorsionada do que debe ser o monte galego: Unha fábrica de madeira barata para as papeleiras e un couto privado de caza para que os seus socios escopeteen perdices e coellos.

Tal é a intención das recentes ordes de axudas para constituir as SOFOR (sociedades de fomento forestal), para a primeira forestación de terras non agrícolas e para que os titulares dos TECOR (terreos cinexéticamente ordeados) repoboen o monte con perdices e coellos.
As SOFOR, que chegan da man da Lei de Montes do PP, son o instrumento deseñado pola Xunta para usurpar as terras comunitarias en beneficio das empresas privadas e converter o monte galego nunha leira para plantar eucaliptus e cultivos enerxéticos. E dicir, entregar o medio rural as empresas pasteiro-enerxéticas para unha explotación colonial dos seus recursos.A liña de axudas ás SOFOR chega a porcentaxes subvencionábeis do 100% (incluindo gastos notariais e rexistrais, redacción dos proxectos de obra, elaboración dos planos de ordenación, cargadoiros para amontoar a madeira e a biomasa forestal...) cando para as comunidades de montes atinxe, no mellor dos casos, o 70%.

E polo que atinxe á caza, a Xunta semella esquecer outra volta a inmensa catástrofe ecolóxica causada polos lumes en moitos espazos naturais. CERO euros para a restauración hidrolóxico-florestal; CERO para medidas de choque contra a erosión; CERO para que a veciñanza recupere os seus bens arrasados; CERO para a alimentación do gando mostrenco que quedou sen pasto; CERO para recuperar a fauna salvaxe e os hábitats queimados... Só lles interesa financiar aos cazadores para repoboar o monte con perdices e coellos, semanas antes do inicio da tempada de caza e ter así algo a que disparar.
Esta visión distorsionada e interesada da actividade cinexética, máis propia do tardofranquismo, vai en consonancia coa nova Lei de Caza que o PP acaba de levar ao Parlamento. Esta lei, feita por e para os cazadores, minimiza o papel da administración, usurpa os usos do monte aos seus propietarios en beneficio dos cazadores, xeraliza a discrecionalidade e entrega a xestión da fauna aos escopeteiros máis cavernícolas.

Urxen medidas de restauración e compensacións rápidas para evitar máis desastres

Mentres a Xunta amosa unha vez máis a súa miopía, incompetencia ou desleixo por un mundo rural que "non ten futuro e está condenado a desaparecer" (Samuel Juárez, 2011), as organizacións sociais esiximos a posta en marcha de medidas urxentes para evitar outra catástrofe nos territorios afectados polo lume e áreas veciñas: A provocada pola perda de solo fértil, a erosión e os arrastres de sedimentos cara os vales e rías. Resulta imperativo que denantes das choivas comecen os labores de restauración hidrolóxico-florestal dos terreos queimados. Dispoñendo barreiras anti-escorrentías; sementando herbáceas de crecemento rápido para fixar o chan; dispoñendo refuxios e alimento para a fauna salvaxe e o gando... Xusto os labores que desenvolvía o Voluntariado en Defensa do Monte que Feijóo suprimíu nada máis chegar á Xunta.
Non menos importante é a declaración de zona catastrófica para que a veciñanza poida recuperar o pulso das súas vidas e facendas consumidas polo lume. E para permitir a recuperación das poboacións salvaxes das áreas queimadas, non estaría de máis a suspensión da tempada de caza tanto nos TECOR afectados como nos veciños ás zonas queimadas, e nos que agora acubíllanse moitas especies "refuxiadas" dos incendios.

Subvencionar o silenzo, como pretende a Xunta con estas axudas, só é propio dunha administración incompetente e cómplice.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal