ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Manifestación en defensa do noso mar e contra o...

25-02-2016

Manifestación en defensa do noso mar e contra o modelo acuícola do PP

As entidades ecoloxistas e naturalistas abaixo asinantes apoiamos a manifestación deste sábado 27 de febreiro en defensa do noso mar e contra a planificación acuícola que propugna a Consellaría do Mar do Partido Popular.

Eis 10 razóns polas que dende un punto de vista ecoloxista rexeitamos esta planificación: 

  1. Subxace una filosofía neo-liberal, pensada para privatizar o mar, sen nengún tipo de restricións. 
  2. Está pensada para a gran industria acuícola -Stolt-Nielsen e Pescanova- e posiblemente negociada con eles.
  3. O marco normativo que deseñou o PP pretende que compitan os sectores tradicionais coas multinacionais en base a criterios estritamente económico-financeiros e tecnolóxicos e de aproveitamento máximo do recurso, sen considerar a capacidade de carga e o mantemento dos ecosistemas acuáticos. 
  4. Declárase a actividade industrial acuícola de interese público polo que se poderá expropiar a franxa litoral que precisen as empresas. 
  5. Elimínase a posíbel intervención dos concellos, mediante a declaración de supramunicipalidade dos macropolígonos acuícolas. 
  6. Realízase de costas aos sectores produtivos, grupos ecoloxistas, científic@s,... 
  7. Promove a intensivización “aproveitamento máximo do potencial marisqueiro” pola vía da transformación das zonas de marisqueo –actividade extractiva de baixo impacto- en parques acuícolas con técnicas de produción industrial. 
  8. Elimina a obrigatoriedade da avaliación ambiental das instalacións. 
  9. Permítese a ubicación de plantas acuícolas en espazos naturais protexidos: non hai zonas de exclusión. 
  10. Provoca unha degradación ambiental do mar e dos ríos como consecuencia dos contaminantes (produtos químicos, farmacolóxicos e materia orgánica), do cruce coas especies silvestres, do posíbel escape de especies foráneas (invasoras, exóticas,...), etc. 
Malia a ter anunciado a retirada do rascuño de Lei de Acuicultura nun claro intento de desmobilización, polo masivo rexeitamento das organizacións sectoriais, confrarías, mariscadoras e ecoloxistas, a idea de entregar as nosas rías e a nosa costa como terreo barato para o negocio das transnacionais acuícolas subxace nas actuacións políticas da consellaría do Mar. 

Neste senso, a Lei de Acuicultura do PP é o último episodio dunha estreita sintonía entre governo galego e a patronal acuícola: normas a medida (Lei do Solo, POL, Plano da Rede Natura…), subvencións a eito, portas xiratorias…

Pero as nosas demandas para as Rías non rematan coa retirada desta Lei; é preciso recuperar a calidade das augas, o seu saneamento, que non se pode limitar á depuración dos vertidos domésticos e que debe contemplar a eliminación dos vertidos industriais que están a impedir a explotación racional dos recursos marisqueiros e pesqueiros; ao tempo, a revogación da recente prórroga de 60 anos a ENCE na Ría de Pontevedra, é unha esixencia irrenunciábel.

Por estas razóns e polas actuacións da Consellaría do Mar na tramitación desta norma, convocamos á cidadanía galega á manifestación deste sábado 27 en Compostela e demandamos a demisión da actual conselleira Sra. Quintana. 

Asinan: ADEGA, AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio), APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra), CEMMA, Ecologistas en Acción, FEG (Federación Ecoloxista Galega: grupos ADEGA, ADENCO, AEMS-Ríos con Vida, APDR, Asemblea do Suído, CES, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verdegaia e Xevale), Grupo Naturalista Hábitat, PDRA (Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa), Verdegaia

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal